Hoxe comeza a nova vida da senlleira aldea da parroquia de Louredo: Alfacuca. Faino cunha xornada de dinamización para centros educativos que dá o pistoletazo de saída ao “reseteo” do lugar tras a recuperación do mesmo realizada grazas a unha subvención autonómica da Xunta de Galicia.
Este “reset” de Alfacuca iniciouse esta mañá con 90 escolares mosenses de 4 colexios do municipio como testemuñas. Foi o alumnado de 5º curso de Primaria dos CEIPs Atín-Cela, Mestre Valverde Mayo, Pena de Francia e Petelos.
Revalorizar os costumes tradicionais
Durante a actividade a cativada puido coñecer de primeira man o enorme valor patrimonial e cultural da Aldea Alfacuca, estar en contacto coa natureza e poñer en valor a vida no rural, revalorizar os costumes tradicionais e dar a coñecer como vivían os nosos antepasados; e recuperar as antigas técnicas de agricultura ecolóxica e promover a conservación da biodiversidade e o coidado do medio ambiente.
«Foi unha mañá moi divertida para a rapazada mosense na que os participantes interactuaron en diversas dinámicas grupais», segundo indican desde o Concello.
COMO ERA A VIDA SEN IBUPROFENO NEN TIK-TOK? Roteiro circular interpretativo dividido en dúas etapas polas que rota o alumnado: a etnográfica (a vida no rural dos nosos antepasados, construccións e orixes da aldea) e a natural (orografía e xeoloxía do terreo, fauna e flora autóctona e invasora, plantas silvestres que se usaban como remedios).
XINKANA INTERACTIVA O alumnado, dividido en grupos, pon a proba as súas habilidades físicas, a súa orientación espacial e o aprendido durante o roteiro para buscar e contestar as diferentes probas e preguntas escondidas por toda a aldea. Tamén fixeron unha parada para a merenda na que usaron o composeiro para xestionar os residuos biodegradables.

Nova vida
Tras esta primeira actividade na nova Aldea Alfacuca chegarán moitas máis, promovidas dende o programa CoidaMos da concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos dirixida pola edil Laura Méndez.
O que se pretende é dotar dunha nova vida ao espazo e para elo organizaranse nel multitude de iniciativas diversas, desde encontros para familias e escolares, andainas medioambientais, ioga ao aire libre, actuacións musicais… e incluso un festival familiar anual que aúne talleres infantís, concertos, artesanía, animación, gastronomía, actividades deportivas… que permitan gozar a todos os públicos dunha xornada de lecer ao aire libre na que se poida combinar actividade física e cultura.
Rehabilitación
A obra de posta en valor de Alfacuca rematouse recentemente, a principios deste ano, e o acondicionamento da histórica aldea na parroquia de Louredo contou con subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Investiuse nos traballos de recuperación e mellora un orzamento total de preto de 100.000 euros.
Agora toca darlle vida a esta aldea histórica e para elo pónse en marcha este programa de actividades.
A obra de posta en valor da Aldea Alfacuca en Louredo iniciouse a mediados do mes de novembro do pasado ano 2024.
Agora, e unha vez finalizados os traballos, a Aldea Alfacuca destínase a fins informativos para a promoción e posta en valor da vida social, cultural e educativa da comarca, e pretende achegar recursos para mellorar a calidade de vida das persoas.
CoidaMOS
A posta en valor da Aldea Alfacuca en Louredo forma parte do plan municipal CoidaMOS e foi levada a cabo grazas ao apoio autonómico da Consellería do Medio Rural, concretamente no marco do Programa de Proxectos Senlleiros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
O obxecto deste proxecto é o de acondicionamento dun espazo público como é Alfacuca para uso formativo e de lecer de cara á promoción e posta en valor da vida social, cultural e educativa da zona. Para elo asinouse un convenio entre a administración local mosense e AGADER.
Os obxectivos desta iniciativa son a preservación dos valores sociais e culturais do medio rural, a potenciación de elementos que recuperen ou manteñan a historia e a memoria da comarca, a mellora da relación social dos veciños, a revalorización de infraestruturas e inmobles desaproveitados, e o fortalecemento do orgullo e satisfacción de pertenza á comunidade rural beneficiaria do proxecto.