jueves, abril 3, 2025
InicioNewsConcellos +Comezan as obras de rehabilitación da residencia de maiores Santa Ana

Comezan as obras de rehabilitación da residencia de maiores Santa Ana

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, xunto á concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas, e á concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, desprazáronse hoxe ata a residencia de maiores Santa Ana para revisar, en campo, os últimos detalles do proxecto cos técnicos responsables da obra que comeza hoxe.

Estas obras, orzamentadas en 800.608,73€ contan cunha axuda do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP) do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. 

Eficiencia enerxética e accesibilidade

Esta intervención permitirá non só un aforro enerxético, tamén un edificio máis eficiente e confortable. O Concello da un paso máis na mellora do día a día das persoas maiores, en concreto, do día a día das 32 persoas que residen e reciben coidados en Santa Ana. 

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas informa que o proxecto contempla a mellora da accesibilidade no acceso principal á residencia pola rúa Santa Ana; a ampliación do número de aseos accesibles en planta baixa, xa que actualmente só existe un e é escaso para dar un servizo adecuado ao número de residentes e a mellora da envolvente térmica do edificio (fachadas, cuberta e carpintería exterior) para emendar as deficiencias existentes e mellorar a eficiencia enerxética do conxunto. Ademais tamén se substituirá a iluminación existente por unha máis eficiente co fin de reducir os custos en electricidade.

Servizo de Axuda no Fogar

O goberno de Ponteareas, liderado pola alcaldesa Nava Castro, reitera o seu compromiso coas persoas máis vulnerables. En conformidade con isto, o goberno  aprobou o investimento máis alto no servizo de axuda no fogar (SAF) cun orzamento de 5.984.640€”. O novo contrato supón o incremento de 34.800 horas pasando de 55.200 horas a 90.000 e un incremento do cadro de persoal do 200%, de 17 traballadoras a 50 profesionais a xornada completa, e dunha traballadora social a dúas.

Segundo explican desde o Concello, estes incrementos permiten unha distribución horaria máis ampla, rematar coa lista de agarda de persoas dependentes de grao III e reducir a lista de espera das persoas de grao II e I. Con estas cifras estímase que se poderían incorporar ata 30 novas altas inmediatas ao tope máximo de horas (94h/mes). A este servizo súmase o SAF municipal que asiste a 31 veciños e veciñas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS