miércoles, abril 2, 2025
InicioNewsActualidadeNovo Plan estratéxico do Comercio en Galicia: 320 millóns para impulsar os...

Novo Plan estratéxico do Comercio en Galicia: 320 millóns para impulsar os negocios locais

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 M€ e co que se busca «modernizar, visibilizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio«.

Dinamización das vilas e das cidades

Trátase dunha planificación para os próximos anos que recolle 74 accións específicas para promover un sector clave para a economía galega. Tal e como explicou o presidente, Galicia conta «con máis de 32.000 establecementos» comerciais -é a quinta comunidade con maior número- que dan emprego «a unhas 107.000 persoas» e que son fundamentais «para dinamizar vilas e cidades«.

Rueda resaltou que o obxectivo é poñer en marcha un paquete de medidas para consolidar o comercio galego «como un sector forte, moderno, sostible, atractivo e de calidade». Pola súa parte, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou que este Plan «busca cegar a competitividade e o futuro» do comercio local na comunidade.

Proceso participativo

O conselleiro fixo fincapé en que esta folla de ruta absolutamente estratéxica foi froito dun intenso proceso participativo con todo o sector -realizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio- no que a Xunta «colaborou con máis de 300 representantes» de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesáns, autónomos, cámaras de comercio, persoas consumidoras e Administración local.

Marca unificada do comercio galego

O Plan conta cunha batería de ambiciosas medidas para garantir o seu futuro, grandes accións de visibilidade e dinamización, como -tal e como explicou o conselleiro- «a creación dunha marca unificada do comercio galego» que contribúa a transmitir a calidade e o servizo que presta ou a aposta pola «recuperación de entornos comerciais urbanos de localidades singulares» co proxecto singular Vilas vivas.

A planificación tamén pon o foco de maneira prioritaria en potenciar o traballo de importantes axentes do sector para «impulsar experiencias de compra diferenciadas», como é o caso dos centros comerciais abertos -avanzando na súa profesionalización e rexistro e potenciando a excelencia das propostas- e das prazas de abastos, como auténticos motores do territorio e magníficos escaparates do mellor produto galego de calidade, promovendo o selo Mercados excelentes ou sinerxías cos restaurantes dos seus arredores a través da iniciativa Plato de mercado.

Mocidade

A conexión coa mocidade tamén figura como unha das prioridades do Plan e faino nunha dobre vía: por unha parte, con accións específicas como a campaña Localízate, dirixida a que este colectivo xere vínculos de valor co comercio de proximidade; e, pola outra, prestixiando a actividade comercial para espertar novas vocacións emprendedoras que garanticen o necesario relevo xeracional, favorecendo que se sustenten en proxectos sólidos e viables e que avancen na especialización segundo a evolución dos clientes e das propias necesidades do territorio no que se asentan.

Nun escenario marcado polas novas tendencias de consumo e polos desafíos globais dun mercado hiperconectado, este plan marca un novo fito no esforzo continuado do Goberno galego neste ámbito.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS