O Allariz Debuxado volve un ano máis para celebrar a súa sexta edición os próximos días 11 e 12 de abril na vila de Allariz. Este festival, «convertido xa nun referente no mundo da ilustración e a autoedición», segundo indican desde o Concello, traerá nesta ocasión un programa repleto de actividades e a participación de destacados profesionais do sector.
Esta mañá, María López, concelleira de Promoción Económica, acompañou a David Calviño, membro da organización, na presentación da edición de 2025.
Convidados
Nesta edición, o evento contará coa presenza de cinco convidados de luxo: o autor leonés Javi de Castro, a autora balear Anabel Colazo, a editora de Ediciones La Cúpula Natalia Mosquera, o tatuador e ilustrador ourensán Anxo Varela – Pruden Tattoo e a ilustradora coruñesa Lucía Gómez «Michopocho».
Cando comeza o festival?
O festival iniciarase o venres 11 de abril na Sala de Exposicións A Fábrica cunha sesión de coloquios dirixidos tanto a profesionais como a afeccionados. Durante a xornada abordaranse diversos aspectos do traballo artístico e da industria da ilustración, con charlas e mesas redondas que contarán coa participación dos invitados. Ademais, a xornada pecharase cunha sesión de sinaturas.
O sábado 12 de abril a atención centrarase no Mercadiño de Ilustración e Autoedición, que este ano contará con máis de trinta propostas de ilustradores profesionais, estudantes da Escola de Arte Antonio Faílde e proxectos editoriais independentes. Ademais, os asistentes poderán gozar de actividades como os Roteiros de Urban Sketching, sesións de sinaturas e un obradoiro infantil de creación de personaxes a cargo da ilustradora Lucía Cid.
O festival está organizado por Aira Editorial e a libraría Sindicato del Cómic, grazas á colaboración do Concello de Allariz e a Deputación Provincial.

Programación
Venres 11 de abril
Lugar: Sala de Exposicións A Fábrica
- 11:00: Apertura do Festival.
- 11:15: Charla: Pruden Tattoo.
- 12:30: “Reflexións michunas e a importancia de ser unha mesma” por Michopocho.
- 17:00: Presentación do “I Premio ao Libro Informativo Ilustrado”.
- 17:15: “Mano a mano: la relación autor/editor” por Anabel Colazo e Natalia Mosquera.
- 18:30: “Viviendo de dibujar” por Javi de Castro.
- 20:00: Sesión de sinaturas.
Sábado 12 de abril
Lugar: Praza do Matadoiro (en caso de mal tempo, na Sala de Exposicións A Fábrica)
- 11:30: Apertura do Mercadiño de Ilustración e Autoedición.
- 12:00: Roteiro Urban Sketching 1.
- 12:30: Sesión de sinaturas de Anabel Colazo.
- 16:00: Roteiro Urban Sketching 2.
- 16:30: Obradoiro infantil de Creación de Personaxes con Lucía Cid.
- 18:00: Sesión de sinaturas de Javi de Castro.
- 20:00: Peche do Festival.