O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de informar que Galicia rexistrou 21 denuncias ao día por violencia de xénero en 2024, o que supón un 1,6 % máis que o ano anterior.
Así, en Galicia rexistráronse en 2024 un total de 7.602 denuncias por violencia de xénero, case 21 ao día. O número de mulleres vítimas descendeu un 2,6%, pois se contabilizaron 7.248 mulleres, fronte ás 7.438 de 2023.
A taxa de violencia de xénero na comunidade, segundo informa o TSXG, foi de 51,6, sendo a segunda máis baixa do Estado cuxa media se situou en 74,1. Ademais, en 2024 rexistráronse 66 menores tutelados vítimas de violencia de xénero.
Do mesmo xeito, o tribunal informa que a gran maioría das denuncias, o 73,9%, foron presentadas polas propias vítimas en comparación cun 1,8% do total que son presentadas por familiares ou achegados. A maiores, as denuncias derivadas directamente de atestados policiais representaron o 16,4%, as orixinadas por parte de lesións, o 4,9% e as interpostas por terceiras persoas alleas ás vítimas, o 2,8%.
E en canto ás medidas de protección, os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon o ano pasado 1.183 ordes e medidas de protección e seguridade, sendo un 8,9% menos que en 2023. En total, recibiron 1.819 peticións destas medidas protectoras das cales foron concedidas o 65%.