Unha muller perdeu a vida esta mañá en Salvaterra do Miño tras sufrir un grave accidente mentres realizaba tarefas de roza nunha zona de viñedos, á altura do quilómetro 1 da PO 403.
O 112 Galicia recibiu o aviso ás 10:50 horas a través dunha compañeira da vítima, que solicitaba asistencia sanitaria urxente ao comprobar a gravidade da situación. Segundo a información recollida, un bloque de granito desprendeuse do peche dunha finca e caeu sobre a operaria.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia mobilizouse ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Porriño, ao GES de Ponteareas, á Garda Civil e á Policía Local.
A pesar da rápida intervención dos servizos de emerxencia, nada se puido facer por salvarlle a vida á muller.