A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico, Yago Borrajo Sánchez, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, firmou hoxe o convenio de colaboración con Abanca e Caixa Rural, no que se fixan os termos e condicións para a concesión dos avais á adquisición da Xunta neste 2025. O director de Negocio Institucional de Abanca en Galicia, José Lino Comesaña, e o subdirector xeral de Caixa Rural Galega, Gabriel Guijarro Arca asinaron o acordo en representación das entidades bancarias adheridas.
Esta convocatoria 2025 de avais á compra, dá continuidade á liña pioneira lanzada pola Xunta no ano 2023 para facilitar a compra de vivenda aos menores de 36 anos, coa novidade de que agora se amplía a toda a poboación, sen límite de idade, cando se trata de adquisición de vivenda protexida.
Prazo de presentación
A convocatoria publicouse xa no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse a partir de mañá 1 de abril e ata o 31 de outubro e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais a conceder neste ano.
Os beneficiarios dos avais deberán estar empadroados en Galicia, deben ter menos de 36 anos no momento de presentar a solicitude do aval para a adquisición do seu primeiro fogar. E, no caso de adquisición de vivenda protexida, onde non hai límite de idade, os solicitantes deberán cumprir os requisitos esixidos para o acceso ás vivendas protexidas.
Condicións
A vivenda terá que estar localizada en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente do comprador polo menos durante o período de duración do aval. Neste sentido, no momento en que o propietario abone á entidade financeira a cantidade equivalente ao aval público recibido, este perderá a súa vixencia.
Para poder obter un destes avais será condición imprescindible que a hipoteca para a cal se solicita supoña entre o 80% e o 100% do importe de adquisición da vivenda, e as contías que aboe a persoa beneficiaria deberán destinarse exclusivamente ao pagamento desta débeda hipotecaria.
O importe de adquisición dunha vivenda libre non poderá superar as seguintes contías (sen contar gastos nin tributos inherentes á adquisición): 260.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense; 210.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano; e 180.000 euros no resto de municipios galegos.
Vivenda protexida
No caso de adquisición dunha vivenda protexida, tanto en primeira ou sucesivas transmisións, o inmoble debe contar coa cualificación definitiva como vivenda protexida de protección autonómica na data de publicación da convocatoria, e o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.
Ingresos mínimos
En canto aos requisitos dos beneficiarios do aval para a adquisición de vivenda libre, estes deberán acreditar uns ingresos anuais mínimos de 2 veces o Iprem (16.800 euros) e máximos de 5,5 veces o Iprem (46.200 euros) e, se a adquisición se realiza por máis dunha persoa, o límite conxunto poderán acadar 6,5 veces o Iprem (54.600 euros).
No suposto de adquisición de vivenda protexida, os ingresos serán os que determine a súa normativa reguladora e non se aplicarán os indicados anteriormente citados.