martes, abril 1, 2025
InicioNewsO pleno da Deputación aproba esixir á RFEF que faga públicos os...

O pleno da Deputación aproba esixir á RFEF que faga públicos os criterios de baremación para o Mundial 2030

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo, unha moción presentada polo Grupo Popular para amosar o apoio da Deputación á candidatura da cidade de Vigo para converter o estadio de Balaídos en sede do Mundial de fútbol do 2030, esixir á RFEF que faga públicos os criterios de baremación e as puntuacións técnicas de todas as cidades que aspiraban a acoller partidos da fase final desta competición e demandar o establecemento de conversacións directas e un traballo técnico rigoroso entre o Concello e a RFEF para abordar o procedemento levado a cabo para a designación das sedes co obxectivo de esclarecer os feitos.

«Á hora de votar esta proposta, presentada polo procedemento de urxencia, os grupos do PSOE e BNG rexeitaron participar no debate e votación, e abandonaron o salón de plenos», según indican desde o ente provincial nun comunicado de prensa. Os grupos da oposición criticaron que «presentaron esa moción de urxencia sen que nós tiveramos o texto da moción, cando nós a prensentamos xa o martes, en tempo e forma, para que si se puidera preparar», entre outras cuestións. Preguntaron «que pretenden? que debatamos a cegas?».

Durante a sesión, tamén se votou unha modificación de crédito por valor de 4,2 millóns de euros que servirán para executar obras de mellora en centros de titularidade da Deputación, a posta en marcha dun novo curso de SmartPeme, acatar unha sentenza favorable ao Concello do Porriño relacionada co programa ReacPon do ano 2021 e repartir subvencións a distintas entidades do ámbito social, cultural, científico, deportivo ou empresarial que prestan servizo na provincia. Así mesmo, a sesión serviu para a aprobación por unanimidade da modificación dos proxectos do PON2030 dos concellos de Nigrán e Tui, así como o proxecto definitivo para o ensanche e mellora da seguridade viaria da EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, no termo municipal de Pazos de Borbén. Do mesmo xeito, saíron adiante dúas mocións presentada polo Grupo Popular para pedir ao Goberno da dragaxe do río Miño e a saldar a débeda do Goberno con Galicia no sistema de dependencia.

Mellora na contorna de Cabo Udra, en Bueu

O pleno comezou coa lectura dun discurso a cargo dun voceiro da veciñanza de Bueu que reclaman unha mellora na contorna de Cabo Udra, que o presidente Luis López xa adiantara hai unha semana ao alcalde Félix Juncal que executará este mesmo ano. A sesión continuou coa aprobación, cos votos a favor do Grupo Popular e a abstención dos grupos socialistas e nacionalistas, do expediente de modificación de crédito, a segunda do ano, por un importe total de 4,2 millóns de euros que se financia con cargo a remanentes líquidos de tesourería.

Este acordo serve para poñer en marcha investimentos que se destinarán, entre outros fins, á posta en marcha dun novo programa Smart Peme (1,1M€), á mellora de centros de titularidade da Deputación como o Centro Vacacional da Lanzada (150.000€), Príncipe Felipe (168.800€), Santa Clara (360.000€), Palacete das Mendoza (98.000€) e outras intervencións en dependencias provinciais (323.000€).

Outro dos piares que sustentan esta modificación de crédito está na concesión de subvencións a entidades de todos os ámbitos que prestan servizo na provincia, é o caso de: Cámaras de Comercio (25.000€), Pont-Up Store (15.000€), Protección Civil (100.000€), Fundación Banco de Alimentos (10.000€), Universidade de Vigo (55.000€ a través de dous proxectos), UNED (40.000€), axudas a deportistas de alto nivel (130.000€) ou ampliación dos fondos do programa +Talento Motor 2025 (12.000€). Así mesmo o Museo de Pontevedra recibe tamén unha inxección de 400.000 euros para a organización da Bienal de Arte de Pontevedra.

Dragaxe do Miño

No apartado de mocións, tamén foi aprobada co apoio do grupo de goberno e do BNG a moción para reclamar ao Goberno de España o pago da débeda histórica do Sistema de Atención á Dependencia en base ao recollido na lei deste ámbito, aprobada no ano 2006, e que ascende a 2.500 millóns de euros para a Comunidade de Galicia, dos que 771 millóns corresponden á provincia de Pontevedra, esixir ao Goberno que cumpra co financiamento do sistema e que cese de inmediato nos recortes ás achegas de Galicia para sufragalo tras diminuílas en máis de cinco puntos porcentuais nos anos 2023 e 2024. Igualmente aprobouse a petición do Grupo Popular para solicitar ao Goberno central a dragaxe do Río Miño ao seu paso polos concellos da provincia. Pola contra, foi rexeitada a petición do PSOE para instar á xunta á gratuidade do aparcamento do futuro Hospital Gran Montecelo.

Outros asuntos da orde do día que saíron adiante foron a modificación dos pregos reguladores do procedemento aberto para a adxudicación do servizo de seguridade e vixianza nos centros da Deputación e o reinicio do prazo de licitación, a modificación do cadro de persoal do Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento e a creación do posto de director ou directora de Turismo. 

Streaming

Segundo explican desde a Deputación, «durante a celebración do pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, o sistema de retransmisión en liña dos plenos sufriu un problema técnico que provou a caída da emisión. Con todo, a sesión completa está dispoñible para o seu visionado desta ligazón«.


مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS