martes, abril 1, 2025
InicioNewsComarcasComezan as obras de 20 vivendas de promoción pública en Mos, cun...

Comezan as obras de 20 vivendas de promoción pública en Mos, cun investimento de máis de 4,3 millóns

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou o inicio das obras de construción dun edificio para 20 vivendas de promoción pública no barrio de San Eluterio-Tameiga, no concello de Mos, que se prevé que estea rematado en 2026. A actuación suma un investimento de máis de 4,3 M€, dos que un 77,2 % son fondos propios da Xunta e 22,8 % fondos europeos. Polo menos un 40 % das vivendas destinaranse a alugueiro accesible para menores de 36 anos.

Allegue destacou o compromiso da Xunta con esta localidade e agradeceu ao Concello a súa cooperación co Goberno galego nesta actuación, cedendo o solar de forma gratuíta para a construción do inmoble. A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas sinalou que “as corporacións locais teñen un papel fundamental no eido da vivenda” e puxo en valor a colaboración “exemplar” do executivo de Mos.

20 vivendas

O futuro edificio contará cunha planta de soto, planta baixa e tres plantas altas. Das 20 vivendas unha será adaptada para persoas con mobilidade reducida, e o inmoble contará con 29 prazas de garaxe e 20 rochos. A nova promoción pública neste municipio pontevedrés localízase na parcela 702 do polígono 52 do Barrio San Eleuterio-Tameiga.

Nas plantas primeira a terceira distribuiranse o resto das vivendas, catro na primeira planta e seis nas plantas superiores. As nove prazas de garaxe restantes sitúanse en superficie, dentro da propia parcela da edificación.

Das 20 vivendas, dúas disporán de 4 dormitorios, cunha superficie útil de 117,42 m²; outras 14 contarán con 3 dormitorios (unha delas adaptada a persoas con mobilidade reducida), cunha superficie útil que oscilará entre os 95,22 m² e 114,78 m²; e 4 vivendas terán 2 dormitorios, cunha superficie útil de 69,87 m².

A edificación organizará as vivendas e os diversos espazos comunitarios arredor de dous patios centrais, que permiten a entrada de luz natural e melloran a ventilación das vivendas á vez que se favorece a relación co espazo exterior.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS