A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, destacou hoxe que a intelixencia artificial abre un campo de oportunidades para a industrialización do sector da construción.
Covadonga Toca interveu hoxe na Xornada de intelixencia artificial para a construción, organizada polo clúster do sector en Galicia que, segundo dixo, é unha industria que representa o 5,7 % do PIB autonómico, confórmana case 12.730 empresas e dá emprego a máis de 133.000 persoas traballadoras.
A directora do Igape apuntou que o pasado 17 de febreiro a Xunta declarou a construción sector estratéxico. É un dos nove -xunto coa automoción, o naval, as TIC, o sector metalmecánico, o forestal-madeira, a loxística, a alimentación e o téxtil- aos que se lles outorgou esta condición polo seu peso na economía galega e con vistas a que cada un deles dispoña do seu respectivo plan director. De feito, estes nove sectores industriais representan máis do 85% do emprego industrial total de Galicia.
Consulta pública
Segundo indicou, desde este mesmo luns e ata o vindeiro 14 de abril, estará aberta no portal de transparencia unha consulta pública aos interesados en participar na redacción do anteproxecto deste plan, para o cal a colaboración do Clúster da Construción, dixo, vai ser clave á hora de dar resposta a retos como a industrialización do sector e o uso de ferramentas dixitais.
Covadonga Toca lembrou que o emprego da intelixencia artificial por parte dos sectores produtivos é «imparabable». E, neste contexto, remarcou que este ano, por primeira vez, a Xunta, a través do Igape, convocou en xaneiro un paquete de apoios por importe de 10,3 M€ para fomentar o uso desta tecnoloxía nas empresas, con subvencións que oscilan entre o millón de euros e os 60.000 euros.