O Pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, na sesión correspondente ao mes de marzo, o programa de cooperación BenOurense 2025 para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF básico), que este ano incorpora ao seu orzamento 50.000 euros máis ata chegar a un total de 1.450.000 euros.
Posto en marcha en 2012, este programa regula a concesión de subvencións ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes, 91 dos 92 concellos da provincia, que presten o citado servizo, incluíndo as mancomunidades.
Dúas vías
As axudas canalízanse a través de dúas accións. A primeira delas ten por obxectivo impulsar a xestión dixital do servizo por parte das entidades locais, facilitándolles unha ferramenta informática que contribúa a mellorar a eficacia e eficiencia dos recursos e do persoal. Para este apartado establécense axudas de entre 2.500 e 3.500 euros.
A segunda acción está destinada a cofinanciar o SAF básico, consistente na atención e coidados ás persoas maiores nos seus domicilios na procura de máis calidade de vida, da permanencia na súa contorna habitual e da conciliación da vida laboral e familiar.
As subvencións a cada entidade local están determinadas por unha contía fixa segundo o grao de “prioridade demográfica” no que estea clasificado, e unha parte variable que, xunto a outros criterios, inclúe como novidade este ano un tramo de “esforzo económico”. Dotado inicialmente cun orzamento de 50.000 euros, esta cantidade repartirase entre aquelas entidades locais que, no último exercicio, xustificaran con recursos propios unha aportación mínima dun 30% do SAF básico.