O RC Celta rende homenaxe a Vigo e á súa historia cunha camiseta edición especial co motivo da Reconquista. Segundo explican desde o club, está inspirada no himno «Oliveira dos Cen Anos». Trátase dunha «prenda única recolle no seu deseño o orgullo e a identidade que une ao club coa súa afección, a súa cidade e os seus símbolos».
O próximo luns, no partido oficial de liga fronte á UD Las Palmas, o equipo lucirá por primeira vez esta equipación especial. O característico celeste cede protagonismo por un día a unha camiseta que, baseada no imaxinario da «Oliveira dos Cen Anos», recolle símbolos vinculados a Vigo. No peito, a camiseta loce o escudo creado para o himno, unha creación simbólica que integra o escudo do Celta, o oliveira coas súas “raíces de prata” e o castelo de San Sebastián. Na parte de atrás, ondea a bandeira de Vigo, e no interior da camiseta escóndese o verso “Na ledicia son celeste, celtista no padecer”.
O escudo, os dorsais, o logotipo de Estrella Galicia en monocolor e os chevrones de Hummel preséntanse na camiseta cun acabado aterciopelado. Para os dorsais, ademais, creouse unha tipografía exclusiva, desenvolvida especialmente a partir das formas e a estética do propio himno. Tamén se desenvolveu unha versión para porteiro, que segue a mesma liña estética e emocional.
O deseño foi froito do traballo conxunto entre o RC Celta e Hummel, baixo a dirección creativa do equipo de Late Checkout, que xa participou na creación do vestiario do videoclip do himno dirixido por Antón Álvarez (C. Tangana). O lanzamento desta camiseta apoiase ademais nunha campaña visual a cargo do fotógrafo Javier Ruiz.
Cando sae á venda?
Esta edición especial, que se entrega cun embalaxe tamén especial, sairá á venda o próximo luns 31 cunha primeira tirada de 1.809 unidades, en referencia ao ano da Reconquista de Vigo polos seus cidadáns ante o exército napoleónico. Poderase adquirir nas tendas de Abanca Balaídos e A Sede e no ecommerce rio1923.gal, unha nova plataforma do club concebida para acoller proxectos e iniciativas vinculadas á historia, a creatividade e a esencia cultural do RC Celta.

