lunes, marzo 31, 2025
InicioNewsActualidadeO Premio Nobel de Física 2017 Kip Thorne visitará a USC en...

O Premio Nobel de Física 2017 Kip Thorne visitará a USC en maio no marco do Programa ConCiencia

Kip Thorne, Premio Nobel de Física 2017 «polas súas contribucións decisivas ao detector LIGO e a observación de ondas gravitacionais» será o vindeiro convidado do Programa ConCiencia, dirixido polo catedrático da USC, Jorge Mira Pérez. Thorne, que visitará a USC no mes de maio, especializouse no estudo de buracos negros e estrelas de neutróns, e explorou a estrutura do espazo-tempo interesándose na posibilidade de realizar viaxes no tempo mediante buracos de verme. Durante décadas formou a xeracións de físicos e traballou xunto a figuras clave como Stephen Hawking e Roger Penrose (Premios Fonseca nos anos 2008 e 2011, respectivamente).

Ademais, nos últimos anos mantivo unha estreita colaboración co cineasta Chistopher Nolan, a quen brindou asesoramento científico nalgúns dos seus títulos máis emblemáticos como é o caso dos filmes Interstellar (2014) ou Oppenheimer (2023).  

Kip Thorne naceu en Logan, Utah (Estados Unidos), en 1940. Graduouse en física no Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) e realizou o doutoramento en Princeton, en 1965, baixo a dirección de John Archibald Wheeler, o gran pioneiro da Relatividade Xeral tras a morte de Albert Einstein. Ao completalo regresou a Caltech, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira académica.

Proxecto LIGO

Unha consecuencia da Relatividade Xeral é a existencia de ondas gravitacionais: vibracións do espazo-tempo que se producen cando obxectos masivos se aceleran. Os efectos son tan pequenos que a súa observación foi imposible durante un século. Recoñecido mundialmente polas súas achegas á Relatividade Xeral e á astrofísica, Kip Thorne foi un dos fundadores nos anos 70 do proxecto LIGO (acrónimo en inglés de ‘Observatorio de ondas gravitacionais por interferometría láser’), que permitiu por primeira vez a detección directa de ondas gravitacionais en setembro de 2015. Tratouse dun fito histórico que confirmou a predición realizada polo propio Einstein en 1916 e abriu unha nova xanela á exploración do cosmos: desde entón puidéronse observar máis de 100 fusións de buracos negros a centos de millóns de anos luz. 

No detector LIGO utilízase tecnoloxía láser —cuxa xénese foi tamén obra de Einstein en 1917— para medir os pequenos cambios de lonxitude causados polas ondas gravitacionais en dous “brazos” de catro quilómetros de longo —as deformacións observadas son inferiores ao tamaño dun protón—. Thorne realizou contribucións cruciais ao desenvolvemento do detector. Por iso compartiu o Nobel de Física con Rainer Weiss e Barry Barish.

Divulgador

Autor de libros de referencia na formación académica da física, Kip Thorne destaca tamén polo seu papel como divulgador, con colaboracións con artistas, músicos ou cineastas, ou con libros como Buracos Negros e Tempo Curvo: o escandaloso legado de Einstein. Foi asesor científico e produtor executivo da película Interestelar en 2014, así como do libro divulgativo realizado sobre esta película. A súa participación asegurou un tratamento preciso de fenómenos como os buracos negros rotantes e a dilatación temporal, dando lugar a investigacións científicas orixinais.

Tal e como salienta o Programa ConCiencia, “Thorne é un pensador audaz, aberto a explorar as fronteiras entre a ciencia establecida e a especulación fundamentada, sempre dentro do marco da Relatividade Xeral”. Na súa carreira logrou algo inusual: unir a ciencia de vangarda, coa pedagoxía accesible e a colaboración interdisciplinaria, sen perder o compromiso co rigor. “A través das súas investigacións, libros e contribucións á arte, ampliou a nosa comprensión do universo e inspirou a millóns de persoas a mirar as estrelas con ollos científicos e curiosos”.

Proxección pública da ciencia

O programa ConCiencia, da USC e o Consorcio de Santiago, céntrase na proxección pública da ciencia e, dende 2006, trouxo a Compostela máis dunha trintena de premios Nobel. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección de Santiago como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia e o corpo de persoal investigador da USC.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS