O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de explicar no Parlamento que a dotación de persoal de conserxería coa que conta o Instituto IES San Paio, de Tui, é suficiente para atender as necesidades do centro.
Tras lamentar o recente falecemento dun dos conserxes do centro tudense, o titular do departamento educativo da Xunta explicou que a dotación de dúas persoas para realizar as funcións de conserxería é a que lle corresponde ao instituto, atendendo á rateo preceptivamente establecida na normativa que lle é de aplicación. “Deste xeito cóbrense as necesidades en todo o seu horario, tanto de mañá como de tarde”, sinalou o conselleiro, puntualizando que se están a cumprir “a normativa e as directrices técnicas”.
A este respecto, lembrou que a dotación de conserxes é a mesma que se aplica noutros casos similares, centros que conta tamén con sección de escola oficial de idiomas, como son os casos dos institutos IES Xulián de Magariños en Negreira e o IES Lauro Olmo no Barco de Valdeorras. “A correcta xestión dos recursos públicos require decisións baseadas en criterios técnicos, non en ocorrencias políticas nin na arbitrariedade”, reiterou.