Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia veñen de esclarecer os feitos sobre o incendio forestal rexistrado o pasado 19 de marzo en Redondela.
O lume foi rexistrado no lugar de Igrexa, na parroquia de Chapela con 0,31 hectáreas de terreo forestal afectadas. Así, os axentes do grupo de investigación de incendios da UPA en Vigo identificaron o punto de inicio do lume e determinaron que fora causado de forma intencionada cunha fonte de calor directa como un chisqueiro.
As dilixencias foron trasladadas ao Xulgado de Instrución número 2 de Redondela así como unha persoa como presunta culpable deste incendio.
A maiores, o mesmo grupo de investigación con sede en Santiago tamén logrou esclarecer os feitos dun incendio producido en Boiro o 21 de marzo. Neste caso, o lume foi produciuse no lugar de Ferreiros, na parroquia de San Vicente de Cespón e afectou a 800 metros cadrados de superficie.
As autoridades concluíron que a orixe do lume se debeu ao escape dunha queima realizada sen as medidas de seguridade necesarias e sen os correspondentes permisos. As dilixencias e un presunto culpable foron trasladados e entregados no Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia «apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios«. Así mesmo, o goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal.