O Concello de Redondela continúa coa súa programación do 8M baixo o lema «O poder de cada muller transforma o mundo”. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, explica que «tras ter que aprazar o “Scape Mulleres de Redondela” programado para o día 22 debido ás malas condicións climáticas, este sábado 29 realizarase a actividade». A iniciativa pretende ensinar de forma lúdica a historia de destacadas mulleres do pasado de Redondela cuxas historias foron silenciadas.
A actividade realizarase ao aire libre, no centro urbano de Redondela, cun percorrido que vai desde a Praza de Ponteareas ata a Alameda Castelao. Haberá cinco probas, cada unha nun lugar diferente, e constará dun enigma que teñen de resolver para atopar a seguinte localización.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que «é importe que os máis novos coñezan esta parte da historia, de mulleres que abriron camiños e loitaron por unha sociedade máis xusta”. Emilia Cabaleiro, asasinada xunto ao seu fillo no Alto da Concheira, Carmen Almoina “A Salvadora”, Josefa Puga “A Gharavilla”, as mulleres coñecidas como As Tolemias ou as madriñas de San Simón son algunhas das protagonistas desta actividade.
O xogo está recomendado para maiores de 8 anos, e en cada proba hai diferentes niveis de dificultade en función da idade dos participantes. Os menores de 10 anos deberán ir acompañados dun adulto. A actividade é de balde, e as inscricións poden facerse no enderezo electrónico igualdade@redondela.gal.