“Informar sobre a ampla oferta educativa e escoitar as experiencias do alumnado que xa cursou as formacións é o que caracteriza á nosa Feira de Ensinanzas Forma Tea que hoxe abre as súas portas coa intención de axudarvos a perfilar o voso itinerario de formación”, sinalou a alcaldesa Nava Castro no acto da inauguración na que estivo acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; do director territorial de Ensino, César Pérez Ares, da inspectora de zona, Raquel Gómez; do concelleiro de Ensino, Ricardo González; de concelleiros do gobero, da concelleira de Ensino do Concello de Mos e da FANPO.
Acompañados de responsables dos 35 expositores percorreron os postos e conversaron con alumnado e directivas dos centros educativos. Máis de cincocentos xóvenes visitarán entre hoxe e mañá a feira e recibirán información de centros que imparten xardinaría e floraría, produción de aceites de oliva e viños; produción agroecolóxica; educación e control ambiental, xestión forestal e do medio natural; vitivinicultura, paisaxismo, pilotaxe, deseño, administración e xestión, educación infantil, hostalaría e panadería, perruquería, artes plásticas, audiovisual, azafata, técnico deportivo, deseño de moda ou márketing. Nos postos da Garda Civil, Policía Nacional ou Forzas Armadas coñeceron as probas de acceso e un pouco do seu traballo diario.
Que é FormaTea?
A Feira das Ensinanzas Forma Tea visibiliza aos centros de formación profesional de toda Galicia que entran en contacto con alumnado para explicarlles a súa oferta formativa. Dende a apertura de portas e ata as 15:00 horas Forma Tea ofrece un percorrido no que descubrir ciclos e saídas laborais. Alumnado de centros educativos de Ponteareas e das comarcas veciñas visitan a feira pero tamén familias que se achegan para preguntar dúbidas e coñecer prazos e tramitación, entre outras cuestións.
O concelleiro de Ensino, Ricardo González, agradeceu a presenza das autoridades e a colaboración de todos os centros participantes tanto con postos como con visitas de alumnado, “a feira é unha oportunidade para descubrir modalidades, ciclos e cursos non só para a xuventude que está en periodo de formación tamén para adultos que queiran mellorar o seu curriculum ou cambiar de sector”.
A feira tamén é, segundo indica Ricardo González, un bo escaparte de perfís profesionais para as empresas da contorna por ese motivo tamén os convida a achegarse ata o pavillón nº2 do Álvaro Pino.
O Concello de Ponteareas conta cunha comunidade educativa ampla con cinco CEIPs públicos, dous CPRs concertados, un Centro Rural Agrupado con 7 aulas, 3 IES e o CIFP A Granxa. A estes datos hai que engadir o conservatorio público municipal, a sede da extensión universitaria da UNED, a ESA, unha delegación da escola de idiomas e un centro de dixitalización no CEDEP.
A alcaldesa Nava Castro explica que a formación é unha das prioridades do goberno local que, dentro das súas competencias, completa a oferta formativa da Consellería con cursos, obradoiros, asesoramento, aulas de apoio e todos os recursos posibles para ofertar formación no propio termo municipal. “Achegar toda a formación posible á cidadanía é fundamental para unha mellor inserción laboral pero tamén o é informar porque ás veces descoñecemos todos os recursos que están ao noso alcance”, engade o seu agradecemento a todos os centros que participan informando e a todos aqueles que asisten como público “porque entre todos conseguimos ampliar as perspectivas para elixir un itinerario a medida de cada persoa. Hoxe en día existen multitude de modalidades e formacións por iso non hai excusa para deixar de formarse”.
