O Rosal dá un paso máis na súa aposta pola infancia e adolescencia. O Concello pretende aprobar en pleno o vindeiro xoves 27 de marzo presentar a súa candidatura para converterse en Cidade Amiga da Infancia, un selo outorgado por UNICEF que recoñece os municipios comprometidos coa promoción dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes.
“Cada neno, nena e adolescente merece crecer nunha contorna segura, onde a súa voz sexa escoitada e considerada. Este é un compromiso de presente e futuro”, destaca a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernádez Callís, que pon en valor a importancia de integrar a visión da infancia na gobernanza local.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatríz Rodríguez, resalta que este proceso supón “unha aposta decidida por construír un municipio máis inclusivo, onde os máis pequenos e pequenas teñan espazos de participación real e poidan desenvolverse plenamente como cidadáns”. Un claro exemplo disto é a posta en marcha de Fogaricos, o grupo de participación infantil e xuvenil do Rosal, que xa está a dar o seus primeiros pasos participando en diferentes eventos a nivel estatal.
Para acadar este recoñecemento, O Rosal traballará nunha estratexia de accións enfocadas a crear contornas máis seguras e protectoras para a infancia, garantindo o acceso a servizos esenciais de calidade, fomentando a participación infantil nas decisións municipais e promovendo un modelo de xestión baseado nos dereitos da infancia. Este proceso incluirá unha diagnose da realidade da infancia no municipio ou a elaboración dun Plan Local de Infancia e Adolescencia, entre outros aspectos.
O recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia, impulsado por UNICEF España desde o ano 2001, conta co respaldo do Ministerio de Mocidade e Infancia, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e UNICEF España. En Galicia, só nove localidades dispoñen deste distintivo, e O Rosal quere sumarse a este grupo de concellos comprometidos coa protección e promoción dos dereitos da infancia Destino Starlight
Na súa aposta por un turismo diferenciado e desestacionalizado, o Concello tamén aprobará este xoves en sesión plenaria a súa adhesión á Declaración en Defensa del Cielo Nocturno y el Derecho a la Luz de las Estrellas (Declaración de la Palma), primeiros pasos para que Galicia Suroeste poida ser certificado como destino Starlight, incorporando a observación do firmamento como parte do patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico do territorio e fomentando á súa vez o turismo de estrelas ou astroturismo.
Por outra banda, o pleno tamén dará luz verde á actualización do inventario de camiños e bens inmobles municipais.