A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, revelou este mércores que a cidade perderá «1,2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation para construír 27 vivendas destinadas a alugueiro social durante 50 anos pola incompetencia de Abel Caballero».
A líder da oposición no Concello de Vigo anunciou que, “por desgraza”, o goberno local será incapaz de executar esta obra nos prazos esixidos. Tal e como explicou, esta promoción residencial «debería estar finalizada o 30 de xuño de 2026, pero os 16 meses de execución necesarios para telo concluído imposibilitan cumprir con este requisito«.
Por iso, os populares critican que «o Concello verase obrigado a renunciar ao diñeiro que se lle había asignado» e lembran que «aínda que comezasen hoxe mesmo os traballos, non chegarían a tempo. Pero é que nin sequera se licitou a actuación. É que nin sequera está aprobado o proxecto”, advertiu.
Luisa Sánchez avisou de que, a diferenza doutras convocatorias, estas axudas para a creación de vivenda de alugueiro social “non son prorrogables”. “Oxalá o fosen. Oxalá se puidese chegar a algún tipo de solución para que, como sucede con outros fondos, se poida solicitar unha prórroga. Pero, neste caso, as condicións de partida non o permiten”, lamentou.