O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, presidiu hoxe a sesión da mesa sectorial da vivenda. Segundo explican desde a administración local, trátase dunha iniciativa «concibida para consensuar o novo marco normativo para regular as VUT e, ademais, avanzar na solicitude á Xunta da declaración de zona residencial tensionada na Coruña«.
O encontro celebrado este mércores no Palacio Municipal de María Pita supuxo o último trámite do proceso participativo previo á presentación da solicitude formal á Xunta de declarar a cidade como zona residencial tensionada. Nos vindeiros días a solicitude será aprobada en Xunta de Goberno Local para a súa remisión á Xunta.
Esta medida, tal e como expuxo Díaz Gallego, «é fundamental para contribuír a equilibrar a situación actual do mercado da vivenda na cidade«, con escaseza no referente á oferta de inmobles en réxime de alugueiro e custos moi elevados, «o que dificulta o acceso a un ben de primeira necesidade que, ademais, está recoñecido como un dereito constitucional».
Neste sentido, o concelleiro lembrou que o Concello encargou meses atrás un informe técnico para certificar se, efectivamente, A Coruña cumpría cos requisitos necesarios para a declaración de zona residencial tensionada, como se confirmou a teor dos datos recollidos por distritos e seccións censuais en toda a cidade.
Mesa sectorial
Xa na pasada reunión, realizada a inicios de mes, o Concello emprazou as asociacións, entidades e colectivos que forman parte da mesa sectorial a trasladar as súas achegas con vistas á aprobación final da solicitude da declaración de zona residencial tensionada, como paso previo á súa remisión ao Goberno autonómico. «Esta solicitude incluirá, de feito, o informe por distritos que expón claramente a importancia de adoptar esta medida para conter os prezos e garantir o acceso da cidadanía á vivenda», recalcou o concelleiro.
«Desde hai tempo vimos mantendo encontros periódicos co sector co obxectivo de escoitar a todas as partes implicadas e achegar posturas. Foron sesións moi positivas en termos de colaboración que agora deben culminarse no eido administrativo. É dicir, con feitos e establecendo un marco normativo que nos permita actuar», destacou Díaz Gallego.
A declaración de zona residencial tensionada é unha medida máis das contempladas no plan de vivenda que ten en marcha o Goberno da socialista Inés Rey. Desde o Concello, explican que é «un plan que contempla a construción de vivenda pública -xa está en marcha un investimento de 10 millóns de euros en Xuxán para a creación de 50 pisos municipais para alugueiro social-, a cesión de solo para que outras Administracións fagan o propio, axudas á rehabilitación, e desenvolvemento dos polígonos residenciais contemplados no PXOM, entre outras medidas».
«Trátase de conseguir que a vivenda sexa un dereito ao que todos poidan ter acceso, e non un ben económico suxeito ao libre mercado», indicou o edil.