Salcada de Caselas acollerá este mércores 26 de marzo a segunda sesión da iniciativa «Puntos de atención dixital» que a fundación Esplai está a desenvolver na vila nun proxecto pioneiro en Galicia.
As sesións lévanse a cabo o último mércores de cada mes nas oficinas exteriores do Concello de Salceda de Caselas, coincidindo co día de mercado no municipio. A finalidade da iniciativa é dar resposta ás necesidades manifestadas polas persoas maiores cun punto de atención directa para a resolución de dúbidas e problemas co manexo dos dispositivos electrónicos.
O pasado mércores 26 de febreiro tivo lugar a primeira sesión, que segundo informan dende o goberno local «tivo unha moi boa acollida por parte das persoas maiores».
A atención desenvólvese en horario de mañá, de 9:00h a 13:00h. Un total de 16 persoas poden ser atendidas cada xornada, para o cal deben achegarse no propio día á oficina habilitada e reservar a súa quenda de atención nun horario concreto.
A concelleira de Benestar Social e Ensino, Selene González, asegura que «a tecnoloxía chegou para quedarse e como administración debemos promocionar a autonomía persoal e garantir que os dereitos tecnolóxicos das persoas maiores se cumplan».
Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, destacou que «comezamos o ano escoitando e analizando as necesidades da veciñanza, e unha vez que tivemos os resultados poñemos en marca as iniciativas que dean resposta ás demandas prantexadas. Neste caso, dúas educadoras sociais ensinan e resolven as dúbidas das nosas persoas maiores, tal e como elas mesmas solicitaron. Un servizo de calidade e gratuíto que contribúe ao seu benestar social».