jueves, abril 3, 2025
InicioNewsActualidadeFalece en Vigo o historiador e escritor galego Xoán Bernárdez Vilar

Falece en Vigo o historiador e escritor galego Xoán Bernárdez Vilar

O historiador e escritor galego Xoán Bernárdez Vilar, nacido en Marín no ano 1936, vén de falecer esta noita na cidade de Vigo, onde residía desde o ano 1952. Colaborou no programa de radio Raíz e Tempo (1965-1975), o primeiro en galego emitido dende Galicia tras a guerra civil, e desenvolveu unha «vizosa carreira como autor de novelas e ensaios sobre diversos temas históricos que mereceron numerosos galardóns», segundo indican desde a Real Academia Galega. De feito, no ano 2003 ingresou na RAG como membro correspondente.

Neste contexto, a academia galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Xoán Bernárdez e pon en valor a súa traxectoria intelectual e literaria vencellado á cultura galega.

Intelectualidade galeguista

Traballador de Caixanova dende o ano 1957, alí coñeceu a Xaime Isla Couto e a través del comezou a relacionarse coa intelectualidade galeguista. Entre 1964 e 1968 dirixiu o semanario Galicia Social, onde publicou a súa tradución dos evanxeos ao galego. En 1965 foi cofundador da Asociación Cultural de Vigo e entre ese ano e 1975 colaborou co programa Raíz e Tempo, que dirixía Xohana Torres na emisora de radio La Voz de Vigo. Neste primeiro espazo fíxose cargo duns 800 episodios sobre a historia de Galicia que se emitiron en distintas ocasións tanto nesta cadea como en Radio Ecca.

Xoán Bernárdez Vilar dirixiu ademais a revista dos empregados de Caixanova, Latexo, entre 1966 e 1970 e de 1993 a 1997. Tras se xubilar anticipadamente á causa da fusión das caixas do sur de Galicia, doutorouse en Historia, carreira que cursara tamén serodiamente, coa tese O extraordinario mundo da “Ora Marítima”.

Narrativa

Como escritor cultivou unha narrativa de carácter histórico con títulos como Un home de Vilameán. Anatomía da Revolución Irmandiña (1975), distinguido co premio do Padroado da Cultura Galega de Montevideo; !Ouveade, naves de Tarish¡ (1983); Vento do Norte, vento do Sul (1985), No ano do Cometa (1986), gañador do Premio Xerais; !Xerusalén, Xerusalén! (1992); e Big-Bang (1993) ou A Saga da illa sen noite (2001), ambos os títulos recoñecidos co Premio Concello de Vilalba. 

Como historiador publicou, entre outros traballos, Pescudas nas orixes do mito de Tristán e Iseu (1986); Antes da invención de América. Navegacións precolombinas do século XV (2001), A arte ó servicio do poder. vidas paralelas Alexandre-Augusto (2001); A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile (2002), título gañador do Premio Taboada Chivite do Concello de Verín; O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma (2003), galardoado co Premio de Historia Medieval da editorial Toxosoutos; O rei Artur. Mito e realidade (2005), finalista no Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, e O extraordinario mundo da “Ora Maritima” (2013).

Como tradutor foi recoñecido co Premio Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela no 2004 pola tradución de Idacio Lémico: Chronica (379-469); e co Premio de tradución da Universidade de Vigo no 2004 por Chronica Hermerici.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS