martes, abril 1, 2025
InicioO PaísA CoruñaActivados os permisos para realizar queimas agrícolas en Galicia

Activados os permisos para realizar queimas agrícolas en Galicia

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, reactiva desde hoxe mesmo as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares na nosa comunidade, tanto dende a web habilitada como a través do teléfono 012.

Os que soliciten un novo permiso hoxe, tendo en conta que a comunicación debe efectuarse sempre con dous días de antelación segundo a normativa, poderán levar a cabo a queima a partir deste xoves, 27 de marzo.

Como viña sendo habitual, no portal de internet destinado a comunicar as queimas de restos agrícolas amoreados os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha “queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras”.

A maiores, tamén se retoman desde hoxe as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados. Neste caso, como vén sendo habitual, cómpre contar con autorización administrativa dado o maior risco da actuación.

Cabe engadir que as comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería do Medio Rural son posibles de acordo co establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén está a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas. Tanto as comunicacións como as autorizacións deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS