miércoles, abril 2, 2025
InicioNewsActualidadeO Complexo Deportivo do Porriño contará con cuberta para as pistas de...

O Complexo Deportivo do Porriño contará con cuberta para as pistas de pádel

O Complexo Deportivo do Porriño someterase a un acondicionamento integral do seu entorno exterior cun investimento de 448.968,48 euros. O proxecto inclúe diversas intervencións no recinto para mellorar tanto a imaxe urbana como a funcionalidade das instalacións, cun enfoque na accesibilidade, a sustentabilidade e o confort dos usuarios.

Entre as actuacións previstas atópase a mellora das zonas exteriores de aparcamento, que se reorganizarán para optimizar os espazos dispoñibles e mellorar a accesibilidade ao complexo. Tamén se renovarán os espazos axardinados existentes e crearán novas áreas verdes, favorecendo a mellora da estética do entorno e contribuíndo a un espazo máis sostible e agradable para a cidadanía.

Unha das intervencións máis destacadas do proxecto é a instalación dunha cuberta para as dúas pistas de pádel, que permitirá aumentar o seu uso ao longo de todo o ano, superando as limitacións que as condicións meteorolóxicas impoñen na actualidade. A nova estrutura, que será independente, cubrirá non só as pistas de xogo, senón tamén todas as áreas de circulación adxacentes, creando novas zonas de tránsito exteriores á pista. Esta intervención permitirá protexer en maior medida as zonas de xogo, ao tempo que integra o conxunto das pistas de pádel co complexo deportivo existente, converténdoas nun único elemento arquitectónico cunha serie de volumetrías diferenciadas.

Ademais, o proxecto inclúe a incorporación dun muro vexetal que mellorará a eficiencia enerxética da piscina do complexo, favorecendo unha maior sustentabilidade nas instalacións e promovendo o respecto polo medio ambiente.

O custo total da actuación ascende a 448.968,48 euros, dos cales 204.404,30 euros serán financiados pola Deputación de Pontevedra a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, mentres que o Concello do Porriño asumirá os 244.564,18 euros restantes con fondos propios. Este investimento forma parte dos máis de 2.400.000 euros que a Deputación de Pontevedra asignará ao Porriño en 2025 mediante diversos programas destinados a mellorar as infraestruturas e servizos do municipio.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que este proxecto dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza. «Con esta intervención, non só melloramos as infraestruturas deportivas do municipio, senón que tamén atendemos unha necesidade que se leva reclamando durante anos. A cuberta nas pistas de pádel e as melloras no entorno exterior permitirán un uso máis amplo e cómodo das instalacións, garantindo que sexan accesibles durante todo o ano», afirmou Lorenzo.

Por súa parte, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, destacou que esta intervención mellorará as condicións de uso das instalacións e fará o complexo máis atractivo para a veciñanza. «A nova cuberta nas pistas de pádel permitirá que moitos usuarios poidan practicar este deporte en mellores condicións, sen depender das inclemencias do tempo. Tamén, a creación de novos espazos verdes e a mellora dos aparcadoiros farán do complexo un lugar máis funcional e agradable», afirmou Estévez.

As melloras que se levarán a cabo no complexo deportivo do Porriño supoñen un paso importante cara a unha maior integración das instalacións co entorno urbano, facendo que o complexo sexa máis moderno, funcional e adecuado ás necesidades da veciñanza.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS