Mos acollerá, un ano máis, o paso de La Vuelta nesta edición de 2025. O Castro de Herville en Cela-Mos será punto de meta da Etapa 16 Poio-Mos. O goberno local, tamén informou que a etapa contará cun maillot conmemorativo, que se suman aos outros dous que fixo o concello no ano 2020 e o ano 2021.
A etapa de Mos, que se celebrará o 9 de setembro de 2025, será a Etapa 16 e contará cunha lonxitude de 172 km. Trátase dunha etapa de Media Montaña que sairá de Poio, pasando por Pontevedra, Arcade, Pazos de Borbén, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, Alto de San Antoniño, Baiona, Alto da Groba, Tebra, Alto de Prado e meta en Mos-Castro de Herville.
Pola súa banda, a etapa anterior, a Etapa 15, será A Veiga/Vegadeo> Monforte de Lemos e a seguinte, a Etapa 17 será O Barco de Valdeorras >Alto de El Morredero – Ponferrada.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo asegurou sentirse «moi satisfeita e orgullosa de que o Concello de Mos volva a ser protagonista, por terceira vez xa, de La Vuelta Ciclista a España».
“Mos está de novo de noraboa, con esta nova cita que de seguro levantará paixóns tanto entre os amantes do ciclismo, como entre o público xeral”, destacou a rexedora local mosense.