miércoles, abril 2, 2025
InicioNewsActualidadeComeza a tempada de rutas fluviais pola Ribeira Sacra: Reservas, datas e...

Comeza a tempada de rutas fluviais pola Ribeira Sacra: Reservas, datas e horarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, inaugurou este sábado a tempada 2025 das rutas fluviais da Ribeira Sacra, unha das ofertas turísticas máis destacadas da provincia, cunha gran expectación e un incremento do 22% nas reservas respecto ao mesmo período do ano pasado. José Tomé destacou que a tempada arrinca coas mellores previsións, e “agardamos superar os 61.000 pasaxeiros que desfrutaron destas viaxes no 2024”.

«Este servizo é un motor económico fundamental para a comarca da Ribeira Sacra, pois atrae a novos visitantes e dinamiza a economía local. O investimento que destinamos cada ano repercute directamente no turismo, a hostalería e o comercio, axudando a manter as zonas rurais vivas e a xerar oportunidades para as nosas xentes», afirmou.

O Presidente compartiu viaxe cos primeiros pasaxeiros desta tempada, que elixiron a ruta fluvial polos Canóns do Sil. Durante a travesía, desexou aos visitantes unha boa experiencia e animonos a «descubrir a fondo a comarca, destacando a súa beleza paisaxística, a súa rica cultura vinícola e o patrimonio histórico da zona».

«As rutas fluviais ofrecen unha oportunidade única para coñecer un dos territorios máis fermosos e auténticos de Galicia. A Ribeira Sacra é un destino que combina natureza, historia e tradicións que engadirán un valor incalculable á súa experiencia», sinalou o mandatario provincial.

Reservas, datas e horas

Na nova tempada, manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas. 

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín. 

Na Ruta Canón do Sil en marzo haberá rutas as fins de semana do 22 e 23; e do 29 e 30, en horario de mañá de 11:30 horas e 16:00 horas. 

En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do luns 14 ao domingo 16, operando nas dúas rutas do Mencía, en horario de 11:30 horas e 17:00 horas; e o Canón 11:00 horas a 16:30 horas. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. 

En maio, a ruta estará dispoñible de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e 16:30 de luns a venres as fins de semana; e a ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo, as saídas serán ás 11:30 e 17:00 para Mencía, e ás 11:00 e 16:30 para o Canón do Sil.

Durante o mes de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. 

No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e ata setembro o servizo funcionará durante toda a semana. No mes de outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e os días 8, 9 e 10, cun horario de 11:30 e 16:30 horas. 

En novembro, as saídas serán as fins de semana, cun horario de 11:30 e 16:00 horas. Finalmente, no mes de decembro, as saídas realizaranse do 1 ao 8, cun horario de 11:30 e 16:00 horas.

As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS