O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, esixe explicacións á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) sobre a «alteración dos puntos que descartou a Balaídos como sede do Mundial 2030». Así o vén de comunicar o rexedor socialista, quen acusa á RFEF de «opacidade e escurantismo ao coñecerse que o primeiro informe de clasificación das sedes foi manipulado deixando fóra a Vigo, segundo unha información xornalística publicada este luns».
Neste contexto, Abel Caballero referiuse á publicación dun artigo no xornal “El Mundo” que recolle que “a Federación Española manipuló las puntuaciones de las sedes del Mundial 2030 para dejar fuera a Vigo y meter Anoeta. Confeccionó una primera versión que incluía a la ciudad gallega y 48 horas después la manipuló y coló a Anoeta”.
O alcalde da cidade olívica indicou que “hoxe sabemos que houbo un primeiro listado que saíu do comité técnico avaliador -das sedes do Mundial de Fútbol 2030- e un segundo que foi o que se fixo público pero ninguén nos dixo quen o fixo. Reuniuse o comité técnico para valoralo? Quen tomou a decisión de cambiar os criterios do comité técnico e por que? Cales foron as causas e os motivos que avalaban o cambio de criterios? Que se pretendía co cambio e por que non se fixo público? Quen tomou estas decisións?”.
Ademais Caballero denunciou a “opacidade e escurantismo” do proceso de selección das sedes do Mundial, algo que “veño denunciando desde hai máis dun ano. Non sei se pretendían deixar a Vigo fóra adrede pero podo supoñelo porque na valoración do comité técnico estaba incluído entre as sedes do Mundial”. Esixiulle ao presidente Rafael Louzán que «saira a dar explicacións».
Traballo técnico
Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, exixiu por parte da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e do Concello de Vigo “un traballo técnico serio e contrastable” que aclare o procedemento para a designación das sedes do Mundial de fútbol masculino do ano 2030.
Ante as novas que transcenderon nas últimas horas sobre un cambio nas valoracións finais das candidaturas, que derivaron na exclusión de Vigo, a líder da oposición no Concello olívico apelou a ambas as institucións para que respondan con “traballo técnico e rigoroso ao proceso caótico no que se viu involucrada a cidade”. Así, instou a Abel Caballero a dar o paso para abrir unha “interlocución técnica” coa RFEF “en lugar de limitarse a unha posición de comentarista con declaracións altisonantes e paseos na televisión”.
Nesta liña, reivindicou unha vez máis a cidade olívica como sede. “A nosa postura é pública e oficial dende hai meses. E eu mesma encargueime de reivindicalo en multitude de entrevistas nos medios de comunicación, a pesar das carencias que sabemos que tiña o proxecto presentado polo goberno local de Vigo”, destacou.
A tamén vicepresidenta provincial lembrou a implicación da Deputación de Pontevedra co proxecto vigués, «refrendada por escrito mediante un compromiso de apoio. Igualmente, puxo en valor a financiamento achegada por esta institución para a reforma de Balaídos, que se ve como imprescindible” para que o estadio chegue en condicións para o Mundial 2030”.