O Concello de Arbo continúa a executar as obras de mellora en viais municipais. Nesta ocasión, estanse a realizar accións na parroquia de Sela, en estradas que dan acceso a varias vivendas que contan cunha pavimentación irregular ou con camiños o suficientemente estreitos para que non poidan acceder os servizos de emerxencia.
O obxectivo das obras é realizar as actuacións necesarias para ampliar dous viais no núcleo de Eidos de Abaixo así como a rehabilitación do pavimento nun tramo de vial no barrio de Eidos de Arriba, ambos situados na parroquia de Sela.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, asegurou que «estas obras eran moi necesarias na zona de Sela, onde existían zonas case intransitables con deficiencias tanto en firme como no acceso aos núcleos de poboación, debido a que non se actuaba dende hai anos».
Ademais, recordou que «todas estas melloras únense ás xa realizadas en materia de accesibilidade e seguridade viaria en distintas zonas do municipio de Arbo, atentendendo á demanda dos seus veciños».
As obras, que contan cun prazo de execución de dous meses, atópanse en proceso de licitación a través da plataforma do Estado e teñen un orzamento de 60.859,91€ que será financiado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan + Provincia 2025.