O Concello de Vigo contrata a redacción do proxecto de rehabilitación da Gran Vía entre Praza España e Praza América. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de dar luz verde á contratación da redacción do proxecto para o que se estima un investimento superior aos 25 millóns de euros que permitirá crear unha «rede de sisemas mecánicos de mobilidade».
Así, tal e como explicou o alcalde da cidade, o socialista Abel Caballero, explica que a «redacción do proxecto da obra ten un importe de 221.000 euros e deberá determinar a conexión entre Praza de América e Praza de España, a través da Gran Vía, mediante ramplas mecánicas que discorrerán pola medianeira». Un proxecto que se levará a cabo “respectando a estrutura arquitectónica e o arborado do bulevar que nestes momentos case non ten uso e que pasará a ser de uso cidadán”.
Coa obra, segundo Abel Caballero, “salvaremos o gran desnivel existente entre Praza de España e América”, ao tempo que se reorganizarán os espazos de beirarrúas e vías, “humanizando o conxunto do espazo despois da instalación das ramplas”. En fases sucesivas establecerase a conexión mecánica das rúas Barcelona, Zaragoza, Zamora, Hispanidade, Pintor Laxeiro e Colmeiro “zonas que seguiremos conectando transversalmente coa Gran Vía”, tamén coa zona de Sárdoma e A Salgueira ao outro lado da Gran Vía. “Crearemos unha rede de sistemas mecánicos de mobilidade nesa zona”.
A previsión municipal é que o orzamento total da obra de rehabilitación e transformación da contorna da Gran Vía, entre a Praza de España e a Praza de América, supere os 25 millóns de euros.