Xa están publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia para unha nova edición do Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creación audiovisual sorbe as mulleres na sociedade galega. As persoas interesadas en participar poderán presentar as solicitudes ata o 30 de decembro. As obras poden ser de carácter histórico, político, científico, literario, artístico que deberán abordar a participación das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade galega co obxectivo de reconstruír a súa memoria histórica.
Quen pode presentarse?
A esta convocatoria pode concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos deben tratar da participación social e política das mulleres e ter como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poden ser ensaios literarios ou científicos, pero tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas ou experiencias das mulleres en Galicia. O prazo de presentación de obras estará ata o 30 de decembro ás 14:00 horas.
Cada premio, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual, estarán dotados con 2.500 euros, que cubrirán os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC.
O Premio Xohana Torres recuperouse en 2016 tras varios anos sen convocarse e co obxectivo de recuperar a memoria histórica das mulleres de Compostela. Foi instituído no ano 1993 e, tras 17 edicións, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico.