O Concello de Ponteareas actualiza o Museo municipal coa intención de ofertar unha experiencia máis atractiva e entretida aos visitantes. O concelleiro responsable, Ricardo González, informa que se procederá a unha reorganización de espazos, a un redeseño da visita e ao acondicionamento e mellora de estruturas e iluminación, entre outras accións que suporán un investimento de arredor de 12.000€.
Esta é unha das primeiras intervencións que se executarán no museo xa que é intención do goberno proceder a unha ampliación para a súa posta en valor. Adianta a alcaldesa, Nava Castro, que “unha vez trasladada a biblioteca pública municipal ao edificio que hoxe acolle o mercado de abastos, procederase a unha intervención máis profunda para a ampliación do museo que ocupará todo o espazo da biblioteca”.
Antiga fábrica de curtido
Ubicado nunha antiga fábrica de curtido, dende o ano 1996 o Museo de Ponteareas recolle unha parte da historia da vila e das súas parroquias.
O Museo Municipal de Ponteareas articulase de xeito cronolóxico en grandes varios apartados: Ponteareas e comarca dende a época paleolítica á romanización, onde se recollen principalmente materiais procedentes do xacemento arqueolóxico do Castro de Troña pertencente á cultura galaico-romana pero tamén do de Fozara. Destacan tamén nesta área o petróglifo de Chan de Gándara e unha pequena coleccións de bronces de datación romana do Coto de Altamira – Taboexa (As Neves) coa figura dun togado.
Da época medieval sobresae unha pila bautismal de notables proporcións, ben conservada e que pertence ao estilo románico.
Persoeiros
A parte de historia contemporánea esta dedicada fundamentalmente a importantes persoeiros nacidos en Ponteareas, que se distinguiron en distintos ámbitos da vida política, social e cultural. Así cómpre destacar a Amado Garra, aos Bugallal, a Agustina Sarmiento, a Manuel Domínguez Benavides, Fermín Bouza Brey, Alfredo Pedro Guisado; músicos como Reveriano Soutullo, artistas como Vidalés Tomé, Antono Medal, Rogelio Lorenzo, Afonso Quinteiro…
No museo tampouco falta un lugar dedicado á principal festa de Ponteareas: o Corpus Christi e as súas alfombras florais, unha das sinais de identidade colectiva da vila.
Horario
O Museo de Ponteares abre de luns a venres de 9:00 a 21:00 h e sábados: de 10:30 a 13:30 h.