A área de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo vén de realizar un procedemento pioneiro no mundo no que conseguiu reparar unha válvula mitral con fuga severa por rotura das cordas tendinosas implantando novas cordas artificiais a través dun acceso venoso e sen necesidade de ciruxía aberta.
Este é o primeiro caso do mundo incluído no estudo de viabilidade do uso deste novo dispositivo transcateter camado ChorArt (Coremedic GmbH), con tres implantes no
mesmo paciente.
Desta forma, o HAC convértese nun dos primeiros hospitais do mundo en realizar esta técnica, o que sitúa o Servizo Galego de Saúde á vangarda neste tipo de tratamentos, sendo ademais un galego, o profesor Alberto Weber Varela, o invertor deste novo dispositivo.
O primeiro receptor foi un paciente de 77 anos de idade e segundo o responsable destas intervencións, o cardiólogo Rodrigo Estévez Loureiro «estamos moi satisfeitos co resultado no primeiro paciente, xa que foi un éxito e o paciente foi dado de alta en 48 horas”, apuntou o doutor Estévez-Loureiro.
Debido ao alto risco que supón unha intervención cirúrxica convencional neste tipo de pacientes, o servizo de Cardioloxía dirixido polo doutor, Andrés Íñiguez, e o de Cirurxía Cardíaca, dirixido polo doutor Juan José Legarra, decidiron realizar este procedemento mediante técnicas transcateter, moito menos invasivas. Así, están indicados no momento actual en pacientes que non son bos candidatos para a cirurxía convencional.
Con estas técnicas minimamente invasivas evítanse moitos dos riscos e complicacións
asociados á cirurxía cardíaca clásica. Está especialmente indicado en pacientes que
presentan insuficiencia mitral severa de tipo dexenerativo e con alto risco cirúrxico.