miércoles, abril 2, 2025
InicioNewsActualidadeCans 303, o documental colectivo que contará a tráxica historia da parroquia...

Cans 303, o documental colectivo que contará a tráxica historia da parroquia porriñesa

Festival de Cans, cuxa XXII edición terá lugar do 20 ao 24 de maio nesta parroquia de O Porriño, estreará este ano un documental sobre os 70 anos do tráxico accidente que marcou a toda unha xeración. En febreiro de 1955, un total de 31 persoas morreron queimadas tras incendiarse un autobús que envorcou diante da escola dos nenos. Hoxe, nese mesmo lugar, existe un monumento que lembra o suceso.

Este vehículo de transporte ía cargado de feirantes que se dirixían á feira de Ponteareas. «Moitos destes feirantes eran moi coñecidos na comarca, que quedou conmocionada por este suceso que tivo naquel momento un impacto en medios de alcance internacional» aseguran dende a organización do Festival.

O proxecto Cans 303documental colectivo coordinado por Juanma Lodo e no que traballan alumnas e alumnos da aldea de varias xeracións, busca preservar ano tras ano a memoria da aldea, sustentada sobre todo na testemuña oral das persoas de máis idade. Nesta ocasión estase a traballar nun censo dos entón nenos que aínda vivan na actualidade e que poderían estar nesa escola, cuxas idades roldarían hoxe os 80 anos e que contemplaron escenas que os marcarían de por vida.

Neste proceso de construción colectivo e traballo interxeracional coa comunidade local, o Festival de Cans pide tamén a colaboración de persoas familiares de vítimas ou dos escasos superviventes, que poidan aportar algún tipo de información así como documentos, hemeroteca ou fotografías desa época.

As persoas que poidan facer achegas poden contactar co certame por mensaxe privada nas redes sociais do festival, no mail festivaldecans@festivaldecans.com ou via wahtsapp no teléfono 657062771.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS