O Concello do Porriño vén de solicitar unha subvención á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia para levar a cabo dúas actuacións chave de mellora nas infraestruturas dos parques empresariais de A Granda e As Gándara.
A iniciativa, que conta cun orzamento total de preto de 300.000 euros, busca reforzar a competitividade das empresas locais e fomentar a creación de emprego na comarca.
O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso visitou as futuras obras acompañado por David Sobral, Secretario Xeral da Federación Galega de Parques Empresariais, e Indalecio Cuevas, Presidente da Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa. Durante a visita, analizáronse posibles melloras nas infraestruturas co obxectivo de optimizar a competitividade dos polígonos e afianzar o seu desenvolvemento futuro.
No marco deste proxecto, o Concello propón dúas intervencións concretas. A primeira, centrada na mellora das infraestruturas do parque empresarias de As Gándaras, contará cun investimento de 149.000 euros. Deste importe, 119.920 euros serán achegados pola Xunta de Galicia, mentres que os 29.980 euros restantes provirán de fondos municipais.
As obras, cun prazo de execución estimado de tres meses, inclúen a renovación do firme, a ampliación da calzada, a aplicación de novas capas de rodadura, a execución de cunetas de seguridade e a actualización da sinalización horizontal e vertical. Esta actuación abranguerá unha lonxitude de 780 metros.
A segunda intervención estará centrada na mellora da seguridade viaria no polígono industrial de A Granxa. Con un orzamento de 149.723,28 euros, dos cales 119.794,62 euros procederán das axudas da Xunta e 29.948,66 euros de fondos propios, esta actuación contempla a construción de tres novas glorietas en puntos de maior intensidade de tráfico, co obxectivo de reducir a sinistralidade viaria derivada da ampliación do polígono. Ademais, tamén se levará a cabo a demolición e reposición de beirarrúas, a aplicación de novas capas de rodadura e a renovación da sinalización.
O alcalde subliñou que “a constante mellora da oferta de solo empresarial é esencial para atraer e consolidar empresas na nosa contorna. Estas accións permiten dotar aos nosos parques empresariais de infraestruturas modernas e eficaces, facilitando as condicións idóneas para o desenvolvemento da actividade industrial”.