O Concello de Nigrán abre ata o 7 de abril o prazo de presentación de ofertas para explotar os quioscos de praia este verán, «comprendendo a tempada desde o 1 de xuño ao 30 de setembro«, segundo indican desde a administración local que dirixe o alcalde socialista Juan González. Neste contexto, o número de postos mantense coma nos pasados anos e os prezos mínimos de licitación oscilan desde os 5.740 € nun dos dous habilitados en Patos aos 24.000 € de Praia América.
Pola súa banda, a convocatoria foi publicada no BOPPO número 51 do luns 17 de marzo e as bases están penduradas na sede electrónica do Concello (anuncio do 24 de febreiro) ou impresas na Oficina de Información Cidadá. En total, o Concello oferta 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e un de venda de churros en Praia América.