O GDR Terra e Auga e o Concello de Salvaterra de Miño firmaron un convenio de colaboración para transformar o Museo da Ciencia e do Viño do Condado do Tea nun espazo enogastronómico.
Este museo de Salvaterra é un dos maiores espazos de divulgación da viticultura e enoloxía de España e conta cun marco expositivo incomparable, o Castelo de Doña Urraca.
A actuación consistirá na reconversión da Casa do Viño nun espazo enogastronómico onde os visitantes poidan coñecer e desfrutar dos produtos vinícolas e gastronómicos locais, enriquecendo así a oferta do museo.
Para iso, levarase a cabo a renovación das carpinterías exteriores, que actualmente atópanse en moi mal estado de conservación, así como outras actuacións para mellorar a eficiencia enerxética do edificio e habilitalo para a celebración de eventos vinculados á enogastronomía. Entre as diferentes actividades incluiríanse a realización de catas de viño, degustacións de produtos gastronómicos locais e outros eventos promocionais. A xestión deste espazo estará a cargo do Concello de Salvaterra de Miño
Con esta actuación búscase incrementar o número de visitantes ao Museo da Ciencia e do Viño, promocionar os produtos locais, favorecer que o visitante prolongue a súa estancia no Condado Paradanta, desestacionalizar o destino, xerar emprego e novos equipamentos e infraestruturas turísticas.
A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, destacou que “para o noso Concello, esta acción é unha gran oportunidade, non só polas obras que mellorarán estas instalacións, senón porque supón dar un paso máis na promoción do noso lugar e dos produtos locais. Pretendemos que a Casa do Conde sexa un referente a nivel enogastronómico, que sexa un punto de encontro no que os visitantes desfruten de experiencias a través de eventos e actividades. Buscamos ir máis alá e que non só proben os nosos produtos, se non que tamén teñan a oportunidade de obter información de todos eles e descubrir por que son únicos. Queremos que a Casa do Conde sexa un espazo vivo e dinamizador de Salvaterra de Miño”.
Pola súa parte, o presidente do GDR Terra e Auga, Pablo Castillo, detallou que “coa sinatura deste convenio de colaboración co Concello de Salvaterra, grazas ao traballo realizado desde o GDR na obtención do fondos para contribuir a pór en valor o noso territorio como destino turístico, comezamos a parte visible da execución do Plan de Sostenibilidade Turístico en Destino “Condado Paradanta Destino Enogastronómico”.
Nesta actuación investiranse un total de 102.000€ e a contratación das obras realizarase nas próximas semanas. Ademais, forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística no Destino, Condado Paradanta Destino Enogastronómico proposto pola Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta – Terra e Auga, concretamente no ‘Eixo 4: Competitividade’, que ten como obxectivo global conseguir que o Xeodestino Terras do Condado A Paradanta sexa un destino de referencia para o noroeste peninsular, mantendo a filosofía do turismo sostible e configurando o turismo como elemento chave no desenvolvemento da economía local.