A Marcha Ultreia 2025 baterá o próximo 6 de abril o seu récord de participantes estando xa preto de 600 persoas inscritas a cinco días do remate da inscrición.
Así se deu a coñecer durante a presentación deste evento deportivo que tivo lugar no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. Participaron o alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e o coordinador da agrupación HQR e redactor xefe de Deportes do Diario de Pontevedra, David Acevedo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención coma a Ultreia pon en valor “un dos grandes sinais de identidade deste concello, deste territorio e desta rexión coma é o Camiño Portugués central a Santiago”. Engadiu que “ademais a Ultreia sae de Tui que é o segundo lugar de partida de peregrinos dos Camiños tradicionais a Santiago”. Salientou tamén Enrique Cabaleiro que é “unha proba que aposta por pór en valor a saúde, coa práctica deportiva” ao tempo que é tamén un elemento de dinamización social e económico. Afirmaba que “dende o Concello de Tui seguiremos apostando por esta proba”.
No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, amosando o apoio do Concello de Tui a este evento, que vai crecendo cada ano, dicía. Aproveitaba para amosar o agradecemento a organización e ás distintas entidades que colaboran coma a Policía Local de Tui ou a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui.
O coordinador da agrupación HQR e redactor xefe de Deportes do Diario de Pontevedra, David Acevedo, destacou na presentación desta mañá que “a Ultreia naceu no Camiño de Santiago para unir dúas das cidades máis importantes do Camiño Portugués coma son Tui e Pontevedra. Lembraba coma os inicios da proba foron complicados pero como a Ultreia foi crecendo ano a ano chegando en 2024 a 534 persoas inscritas e até o día de hoxe hai xa 589 anotadas, incrementando amais a participación de fóra de Galicia e de mulleres, que o ano pasado representaron o 65% da participación.
Previa á celebración da marcha propiamente dita o sábado 5 de abril a organización entregará os “Camiñantes de honra” cos que distinguirá a 20 persoas – 6 xurídicas e 14 físicas – pola súa implicación coa Ultreia ou co Camiño de Santiago. Xa o domingo previa a saída haberá un recoñecemento a Xosé Martínez Tato, falecido o pasado mes de abril, pola súa colaboración co evento nos últimos anos.
A Ultreia 2025 celebrarase o domingo 6 de abril, con saída ás 9;00 h dende a praza de San Fernando. Haberá catro distancias: Tui-O Porriño de 19 kms, Tui- Redondela con 33 kms, Tui- Arcade de 42 kms e Tui- Pontevedra cun total de 52 quilómetros. Ao longo do percorrido as persoas participantes atoparanse con personaxes coma San Telmo na Ponte das Febres, Teucro en Pontevedra, Isabel de Portugal no Porriño, mulleres campesinas en Mos, e María Vinyals en Arcade.
A inscrición pode realizarse ata este domingo 23 de marzo, cun prezo de 20€, en cronotec.es.