A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a ampliación do polígono do Pereiro de Aguiar suporá un incremento do 38% da superficie do parque empresarial ata superar os 833.000 m², polo que “estamos nun día importante para Ourense e para este parque no que xa hai instaladas máis de 100 empresas”, dixo.
Lorenzana, visitou esta mañá o polígono industrial onde explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a aprobación inicial do instrumento de planeamento do Pereiro de Aguiar “para que que as obras de ampliación deste polígono poidan ser unha realidade ao tempo que xa estamos traballando xa no proxecto de urbanización”, sinalou.
Así, explicou que “tratamos de facer as cousas con axilidade pero sempre con respecto aos trámites administrativos e medioambientais pero sobre todo intentando acompañar ás empresas e traballar da man dos rexedores municipais e da deputacións para coñecer onde hai necesidade empresarial”.
Neste sentido, avanzou que a Xunta comezará as obras de ampliación deste parque empresarial a finais do ano 2027 “para que este polígono sexa unha realidade e para poder empezar a instalarse as empresas a partir de 2028”, dixo. Unha actuación que se suma ás que xa se están a desenvolver en San Cibrao da Viñas, Xinzo ou o Carballiño.
Ademais, lembrou que a Xunta continúa traballando para mellorar os polígonos, e neste marco, explicou que O Pereiro de Aguiar recibiu o ano pasado case 70.000 euros da orde de axudas que o Goberno galego convoca para a mellora de infraestruturas de parques empresariais. “En total no 2024 concedemos case 500.000 euros para a habilitación e mellora de infraestruturas do parques da provincia de Ourense”, apuntou.
Finalmente, a conselleira de Economía e Industria, explicou que unha das metas da Xunta nesta lexislatura é “tratar de axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles concellos e comarcas onde vemos que se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona e non existe solo dabondo”, dixo. “Cremos que temos que ter un desenvolvemento industrial nesta provincia e un desenvolvemento industrial homoxéneo en toda a Comunidade”, insistiu.