A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de once anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra ao home que o disparou no parque de Castrelos, en Vigo, a un mozo co que tivera altercados previos polos seus cans. Os feitos tiveron lugar o 14 de setembro do 2023.
O tribunal tamén ratificou a indemnización de 3.804 euros que deberá pagar á vítima polos días que estivo de baixa e o dano moral que lle causou. O TSXG, do mesmo xeito que o tribunal de primeira instancia, considerouno autor dun asasinato en grao de tentativa e dun delito de tenza ilícita de armas.
Os maxistrados rexeitan, desta forma, o recurso de apelación interposto polo acusado. Así, destacan que a sentenza apelada “razoa o por que considerou que existiu un ánimo de matar”, á vez que salientan que o condenado “non combateu a presenza da aleivosía”. O TSXG tamén indica no fallo que non hai “proba ningunha de que o acusado actuase por medo insuperable”, á vez que recalca que a acción foi, “por si mesma, susceptible de causar a morte da vítima”.
A Audiencia Provincial sinalou na sentenza agora confirmada polo alto tribunal galego que o recorrente disparou á vítima “coa clara intención de matala” e que “tratou de asegurar o resultado excluíndo toda defensa e consecuente risco para a súa persoa”. Así, os xuíces indicaron na resolución que, cando se atoparon no parque, o sospeitoso, “case sen aviso”, sacou “unha pistola coa que apuntar e disparar”, á vez que destacaron que o afectado “de ningún xeito podía prever unha reacción tan desproporcionada”. Nese primeiro momento no que exhibiu a arma, segundo consta no fallo de primeira instancia, “ambos estaban a uns dous ou tres metros de distancia, pero o acusado tivo algún problema para montar a arma, o que lle deu tempo á vítima para correr a refuxiarse detrás dunha árbore”.