As traballadoras das Residencias privadas de maiores e Centros de Día irán á folga os días 10 e 22 abril e, de novo, os días 7 e 21 de maio. Así o vén de comunicar o sindicato CIG a través dun comunicado de prensa no que apuntan que «para o 26 de abril convocaron unha manifestación en Santiago de Compostela» e anuncian que «adoptarán novas medidas se non hai resposta dunha patronal que, até o de agora, se negou a chegar a un acordo por un convenio digno».
Segundo explicou o secretario de Organización da CIG-Servizos, Adolfo Naya, a maior parte das traballadoras están por debaixo do salario mínimo, «unhas 8.000 das 12.000 persoas ocupadas neste sector». Por iso «solicitou a mediación da conselleira de Política Social, Fabiola García, coa que levan solicitando unha xuntanza desde o mes de setembro sen que se dignara a falar con nós”, tal e como explican desde o sindicato.
Falta de persoal e sobrecarga de traballo
Neste contexto, a CIG apunta que «foi precisamente a ausencia de mediación por parte da administración, as políticas privatizadoras das políticas sociais do PP e o poder que lle outorgan á patronal para explotar ao persoal, que denuncia as condicións de escravitude que padecen, a que as levou a convocar estas xornadas de folga». A xerontóloga Beatriz Fernández explicou que “necesitamos visibilizar un conflito enquistado desde outubro de 2024” nun sector no que as traballadoras «perderon, xa no convenio anterior, un 7,8% do poder adquisitivo«.
Fernández denunciou ademais a «sobrecarga de traballo, ao que se suma agora que as residencias se estean convertendo en centros psiquiátricos, cando o persoal non ten nin a formación necesaria, nin é suficiente para atender estes casos». Neste contexto, lembrou que » o ano pasado 1 de cada 10 persoas usuarias que entraron nos centros foron doentes de psiquiatría menores de 65 anos”. Unha situación que «deriva en problemas porque se producen agresións entre eles ou co persoal”.
A este respecto explicaron que se trata de casos que veñen derivados de prazas públicas, “mesmo con ordes xudiciais de por medio” e en non poucas ocasións “sen medicar e sen historial médico actualizado”. Explican que se trata de «doentes que son ingresados en centros nos que hai un só médico para todas as persoas usuarias ou, como denunciaba unha das delegadas asistentes á rolda de prensa, cunha soa enfermeira para 152, como ocorreu esta fin de semana en Ribadumia».
5 minutos por persoa usuaria
Beatriz Fernández denunciou ademais que cos tempos que teñen “non podemos atender aos usuarios como quereríamos”. Nese sentido, asegurou que só teñen 5 minutos para asear, vestir e levantar a cada persoa. Misión que califican como de «case imposible que está a provocar no persoal un estrés psicolóxico brutal”.
Por iso denuncian que lles “están roubando ás persoas usuarias e máis ás súas familias” e reclaman mellorar as súas condicións salariais, ter cobertura en caso de baixa por IT; unha redución de xornada, das 1.762 horas actuais a equipararse co persoal das residencias públicas e que se compensen os festivos, que nin sequera se pagan».