A Deputación de Pontevedra acaba de convocar a novena edición dos Premios Provinciais á Xuventude, que este ano volverán repartir 36.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade da provincia co obxectivo de promover o seu talento e potencial.
Como gran novidade, nesta edición rebáixase a idade mínima para poder participar nos premios, que pasa dos 16 anos anteriores aos 15, mentres que a máxima se mantén nos 35. Ademais, inclúese unha nova categoría para recoñecer as mellores iniciativas xuvenís levadas a cabo polos concellos da provincia. As bases xa se poden consultar no BOPPO e o período de preinscrición será de dous meses a partir do martes 18 de marzo, mentres que as obras se poderán presentar ata o 19 de agosto.
Os IX Premios Provinciais á Xuventude constan de doce categorías coas que se busca estimular e recoñecer a traxectoria, o esforzo e o compromiso das mozas e mozos que desenvolvan un labor relevante en distintos ámbitos. Na categoría de iniciativas xuvenís (dirixida tamén a grupos informais ou asociacións estudantís e xuvenís) outorgaranse 2.000 euros en tres premios de 1.000, 600 e 400 euros respectivamente, ao igual que en contido audiovisual, deseño e moda, Reacción polo Clima e educación en valores (a esta última categoría poderanse presentar os centros de educación secundaria e o premio só se poderá empregar para a adquisición de material, saídas educativas ou outras actividades relacionadas coa programación do centro).
Os tres premios de 2.000 euros tamén se repartirán de igual forma nas subcategorías de traballo musical (música clásica e outros xéneros), de traballo literario breve (narrativa e poesía) e de fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía). Ademais a categoría á mellor iniciativa empresarial está dotada de 4.000 euros, con tres premios de 2.000, 1.250 e 750 euros. E cada unha dúas subcategorías de investigación tamén recibirá ese reparto, por unha banda ciencias, arquitectura e enxeñaría, e pola outra artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas.
Os premios serán entregados nunha gala pública a finais de ano que volverá ter como antesala o encontro Pontevedra Literaria, Xuventude e Artes, coa participación de figuras recoñecidas das letras.