martes, marzo 18, 2025
InicioNewsActualidadeA Xunta aproba dúas liñas de avais para a vivenda: unha para...

A Xunta aproba dúas liñas de avais para a vivenda: unha para menores de 36 anos e outra, sen límite de idade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a aprobación de dúas liñas de avais para a compra de vivenda, das cales unha estará dirixida aos menores de 36 anos e outra destinada á compra de vivenda protexida sen límite de idade.

Segundo sinalou o titular do Executivo galego, esta convocatoria segue a “liña da Xunta de facilitar o acceso aos cidadáns á vivenda”, sumándose ao obxectivo de dobrar o parque residencial nesta lexislatura ata chegar aos 8.000 inmobles, ou a medidas específicas para a mocidade, como o Bono Emancípate, o futuro edificio de aloxamentos compartidos en Santiago ou reservar un 40% da nova vivenda pública en alugueiro e un 25% á venda para menores de 36 anos, para os que tamén existen avais para a compra dunha casa. Ao respecto desta medida, o Goberno galego concedeu no período 2023-2024 un total de 208 avais por un importe que rolda os 3,8M€.

Así, Rueda destacou que o Goberno galego avalará a adquisición da primeira vivenda en propiedade por un importe de 5 millóns de euros, dando continuidade á liña pioneira lanzada pola Xunta no ano 2023 para facilitar a compra de vivenda aos menores de 36 anos, e que agora se amplía a toda a poboación, sen límite de idade, cando se trata de adquisición de vivenda protexida.

En ambos casos, o aval da Xunta chegará ata o 20 % do prezo de adquisición do inmoble. A vivenda terá que estar localizada en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente do comprador, polo menos, durante o período de duración do aval. Neste sentido, no momento en que o propietario lle aboe á entidade financeira a cantidade equivalente ao aval público recibido “deixará de estar vixente”.

Convocatoria

A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse a partir do vindeiro 1 de abril de 2025 e rematarán o 31 de outubro e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se van conceder neste ano.

Os beneficiarios dos avais deberán estar empadroados en Galicia e ter menos de 36 anos no momento de presentar a solicitude do aval para a adquisición do seu primeiro fogar. E, no caso de adquisición de vivenda protexida, onde non hai límite de idade, os solicitantes deberán cumprir os requisitos exixidos para o acceso ás vivendas protexidas.

Para poder obter un destes avais será condición imprescindible que a hipoteca para a cal se solicita supoña entre o 80% e o 100% do importe de adquisición da vivenda, e as contías que aboe a persoa beneficiaria deberán destinarse exclusivamente ao pagamento desta débeda hipotecaria.

O importe de adquisición dunha vivenda libre non poderá superar as seguintes contías (sen contar gastos nin tributos inherentes á adquisición): 260.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense; 210.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano, e 180.000 euros no resto de municipios galegos.

No caso de adquisición dunha vivenda protexida, tanto en primeira ou sucesivas transmisións, o inmoble debe contar coa cualificación definitiva como vivenda protexida de protección autonómica na data de publicación da convocatoria, e o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.

En canto aos requisitos dos beneficiarios do aval para a adquisición de vivenda libre, estes deberán acreditar uns ingresos anuais mínimos de 2 veces o Iprem (16.800 euros) e máximos de 5,5 veces o Iprem (46.200 euros) e, se a adquisición se realiza por máis dunha persoa, o límite conxunto poderán acadar 6,5 veces o Iprem (54.600 euros).

No suposto de adquisición de vivenda protexida, os ingresos serán os que determine a súa normativa reguladora e non se aplicarán os indicados anteriormente citados.

A través deste programa, o Goberno galego ten como obxectivo facilitarlles o acceso á vivenda en propiedade a aqueles que, malia dispoñeren de recursos suficientes para asumir a hipoteca, carecen de aforros para dar unha entrada. Así, grazas a este aval poderán optar a unha hipoteca de ata o 100 % do importe de compra. Ademais, é compatible con todas as axudas que xestiona e convoca anualmente a Xunta co mesmo fin.

A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse a partir do 1 de abril de 2025 e rematarán o 31 de outubro de 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se van conceder no ano 2025.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS