lunes, marzo 17, 2025
InicioNewsActualidadeA 'O Porriño 10km - OP 10K' contará coa participación de atletas...

A ‘O Porriño 10km – OP 10K’ contará coa participación de atletas de renome este domingo

O Concello do Porriño acollerá a proba de atletismo ‘O Porriño 10km – OP 10K’ o vindeiro domingo 23 de marzo. A carreira, organizada en colaboración co Club Atletismo Porriño, concentrará preto de mil persoas para completar un circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo polas rúas do centro urbano.

A lonxitude variará en función da categoría, dende os 100m para os máis pequenos das categorías chupetes e pitufos, aos 1.000 dos benxamíns e alevíns, 2.000 para a categoría infantil e 5.000 para cadete e xuvenil. A categoría absoluta, ademais dos 10 quilómetros poderán realizar unha única volta e completar así os cinco quilómetros.

Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, anunciou así mesmo a participación «de atletas de renome que fan que esta proba sexa considerada posiblemente o 10K máis rápido de Galicia«.

Así, a proba contará en categoría feminina coa participación da internacional francesa Alice Finot, do R.C. Celta Atletismo, campioa de Europa 2024 en 3.000 metros obstáculos e cuarta na mesma proba nas Olimpíadas de París 2024.

Na categoría masculina tomarán a saída David de la Fuente do CD Pinarium, Pablo Otero de Atletismo Narón e Carlos Porto de Ximnástica Pontevedra, todos eles en disposición de correr os 10.000 metros por debaixo do récord que marcara no ano 2015 Alejandro Fernández, 29’23’’.

Este ano a saída e a meta trasládase ao Parque Infantil, antigo campo da feira, na mesma avenida Domingo Bueno, uns 300 metros máis adiante, onde ao finalizar a competición terá lugar unha festa na que se procederá a entrega de premios e trofeos.

Repartiranse 3.100 euros de premios en metálico, “cos que se busca incentivar a participación e o rendemento deportivo dos atletas, así como recoñecer o esforzo e a dedicación que supón a preparación e competición nunha carreira desta natureza”, sinala o concelleiro de Deportes, Abel Estévez.

Así establécese un premio especial de 500 euros ao primeiro atleta e á primeira atleta que logren bater o récord da proba, será un recoñecemento destacado ao logro deportivo; e outros aos tres primeiros clasificados na carreira de 10 km en cada unha das categorías (masculina e feminina), deste xeito a primeira e o primeiro clasificados recibirán 500 euros, os que rematen en segunda posición 350 euros e os terceiros 200 euros. A maiores haberá trofeos para os tres primeiros (masculino e feminino) de cada categoría e tamén se levará a cabo un sorteo de agasallos coa inscrición, que se entregarán aos afortunados no momento da recollida do dorsal.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS