A Xunta de Galicia emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto que Greenfiber quere desenvolver no concello de Palas de Rei condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.
As conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, compareceron hoxe en rolda de prensa para trasladar unha “mensaxe de tranquilidade” sobre o desenvolvemento desta iniciativa empresarial que xerou controversia e preocupación en parte da cidadanía promovida en moitos casos por intereses partidistas. Neste sentido, trasladaron a vontade da Xunta de actuar “con total transparencia” e velar en todo momento polo cumprimento da lei, polos intereses da cidadanía galega así como garantir a preservación dos valores naturais, culturais, patrimoniais e socioeconómicos da comunidade.
Ángeles Vázquez subliñou que a declaración de impacto ambiental do proxecto de Greenfiber é o resultado de 34 informes sectoriais -asinados por 42 técnicos- favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento en Palas de Rei. Trátase, incidiu, dun traballo exhaustivo, rigoroso e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen múltiples pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.
Neste sentido, destacou que a Consellería de Economía e Industria -como órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia- pasará a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental -pendente de que se emita a autorización ambiental integrada- e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.
Declaración de impacto ambiental
Precisamente, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático aclarou que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
Nesta liña, sinalou que calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite, indicou Ángeles Vázquez, do máis exixente, como demostra o feito de que das 220 DIA que se emiten de media cada ano, unha de cada tres sexa desfavorable. Mentres, na maioría das favorables -como é o caso do proxecto de Palas de Rei- inclúense condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto. Entre as obrigas a cumprir recollidas nos informes sectoriais adoitan estar algunhas como as autorizacións previas ao inicio das obras, a realización de estudos adicionais ou a reformulación dalgunhas características do proxecto co fin de facelas compatibles coa protección do medio ambiente.
Principais informes
No caso concreto de Greenfiber, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático destacou algúns dos 34 informes que se avaliaron para a elaboración da DIA, as principais conclusións e algúns dos seus condicionantes. Entre eles estivo o emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que analiza a proximidade do Camiño de Santiago e doutros bens de interese cultural pero informa favorablemente impoñendo distintos requisitos á empresa promotora como a presentación dun proxecto de control arqueolóxico para a instalación da liña eléctrica que precisa a fábrica.
A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén emitiu informe favorable a esta iniciativa ao non detectar impactos no sector marítimo-pesqueiro mentres que a Axencia Galega da Industria Forestal manifestouse no mesmo sentido ao entender que as necesidades de consumo de recursos madeireiros poderán ser satisfeitas coas plantacións existentes na actualidade e coas futuras cortas.
Augas de Galicia informa favorablemente ao estimar que os vertidos previstos pola empresa, previo tratamento nunha estación depuradora, non producirán alteracións significativas nos parámetros de cor, transparencia ou turbidez da auga do río Ulla. Mentres, no que se refire aos parámetros físico-químicos, biolóxicos e hidromorfolóxicos, alcanzarían os límites necesarios para conservar o bo estado actual da masa de auga.
Non obstante, o organismo hidráulico autonómico obriga ao promotor a facer unha proposta de medidas mitigadoras adicionais para prever ou evitar o incumprimento dos obxectivos medioambientais que mellorarían o estado do encoro de Portodemouros ao reducir de xeito significativo as cargas de nutrientes como nitróxeno e fósforo.
En canto á Dirección Xeral de Enerxías Renovables, apunta a que o proxecto non supón un risco potencial de causar impactos ambientais por ruído significativos nin se espera que supere o valor límite dos contaminantes lexislados en materia de calidade do aire. Por iso, emite informe favorable impoñendo, non obstante, a obriga de que as instalacións dispoñan de dúas estacións de control da calidade do aire -unha para a protección da saúde humana e outra para a protección da vexetación- ao tempo que lle exixe un plan de xestión de olores dentro do seu sistema de xestión ambiental.
Na mesma liña, a Dirección Xeral de Saúde Pública considera adecuado ese seguimento ambiental proposto para avaliar o impacto dos olores, ruídos e vibracións e, en canto ás augas para consumo humano, indica que levará a cabo un plan específico de vixilancia e control en dous puntos de abastecemento para velar polo bo estado dos recursos hídricos que chegan aos fogares.
Espazos naturais
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén informa favorablemente o proxecto, pero introduce numerosas consideracións como a exixencia de que todas as instalacións deban situarse a máis de 50 metros do límite da zona de especial conservación (ZEC) Serra do Careón establecéndose ademais unha zona tampón entre a ZEC e a fábrica -un espazo cunha anchura de entre 50 e 200 metros- suficiente para funcionar como corredor ecolóxico. De feito, este tampón tamén servirá de banda protectora da zona húmida de Quintas (integrada na ZEC) e das especies de fauna asociadas a esta.
Entres as obrigas impostas por Patrimonio Natural inclúese ademais o establecemento dun cinto perimetral de máis de 55 hectáreas no que se deberán plantar tres especies vexetais autóctonas da zona: a herba de namorar de Merino (Armenia merinoi), a margaza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) e a santolina de Melide (Santolina melidensis). Mentres, en relación co mexillón de río (Margaritífera margaritífera), o informe indica que augas abaixo do punto de vertido da fábrica unicamente se atopan oito exemplares desta especie protexida e que o seu estado será monitorizado adoptándose as medidas oportunas para que esa actividade non afecte á especie.
Pola súa banda, o informe do Instituto de Estudos do Territorio (IET) considera que as faixas perimetrais de vexetación previstas na zona minimizarán o impacto visual das instalacións e ve positivo que se empreguen especies autóctonas -de distintos portes, incluídas árbores- para exercer de pantalla protectora fronte á imaxe da fábrica.
Por todo isto, concluíu Ángeles Vázquez, a DIA do proxecto de Greenfiber é favorable de acordo con criterios obxectivos recollidos nos documentos elaborados polos técnicos de distintos departamentos. Agora trabállase na elaboración da autorización ambiental integrada co fin de rematar o trámite ambiental pois posteriormente será o órgano substantivo -a Consellería de Economía e Industria- quen retome a tramitación do expediente para determinar se cumpre os requisitos exixidos para poder autorizalo.
Audiencia aos interesados
Pola súa parte, Lorenzana lembrou que o pasado 29 de decembro do 2022, esta iniciativa foi declarado proxecto industrial estratéxico polo Consello da Xunta, e o 4 de marzo de 2024 publicouse o anuncio DOG polo que a Secretaría xeral de Industria sometía a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública do proxecto indicado.
Segundo precisou, recibíronse aproximadamente 27.100 alegacións ao proxecto, en torno a 200 asinadas por entidades ou asociacións, mentres que o resto son de particulares. En relación á tipoloxía dos escritos, o 99,4% das alegacións recibidas (26.937) correspóndense cun dos 25 modelos preestablecidos que se utilizaron por varias persoas e unicamente o 0,6% das alegacións recibidas (163) son escritas de forma singular, elaboradas fóra dos ditos modelos. Por outra parte, sobre 6.500 dos 27.100 escritos, ademais de conter as alegacións ao proxecto, incluíron adicionalmente a solicitude de recoñecemento de condición de persoa interesada no procedemento.
De acordo co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, proseguiu, as alegacións foron trasladadas ao promotor, para a súa consideración na redacción, no seu caso, da nova versión do proxecto e no estudo de impacto ambiental.
A conselleira explicou que, en paralelo coa fase de información pública, solicitouse tamén informe ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, sobre os posibles efectos significativos do proxecto. Concretamente, solicitáronse informes a 30 centros directivos, dos que 22 eran da Xunta de Galicia, outro do Ministerio de Transportes e Sostible (Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia), catro concellos (Agolada, Melide, Palas de Rei e Santiso), e a tres deputacións provinciais (A Coruña, Lugo e Pontevedra). Dado que unha parte dos órganos teñen adscritas distintas unidades, o número total de informes sectoriais foron 36.
Tal e como informou, agora, tras a Declaración de Impacto Ambiental (DIA), unha vez se diten as resolucións de recoñecemento da condición de interesadas para aquelas persoas e entidades que a solicitaron e que cumpran os requisitos, e antes de redactar a proposta de resolución da autorización ambiental integrada, daráselles audiencia, co fin de que nun prazo entre 10 e 15 días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.
Unha vez emitida a autorización ambiental integrada, requirirase ao promotor para que achegue o proxecto de execución, incluíndo a separata correspondente ao ámbito urbanístico, co fin de solicitar o informe preceptivo da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
Finalmente, a Consellería de Economía e Industria elevará o expediente ao Consello da Xunta de Galicia, que decidirá se procede a aprobación do proxecto industrial estratéxico e, unha vez aprobado, as obras poderían comezar.
O proxecto non é viable sen acceso á rede eléctrica
Con todo, Lorenzana remarcou que o proxecto, tal e como está actualmente definido, “non ten garantida a infraestrutura de interconexión eléctrica necesaria xa que, polo momento, non foi incluída polo Goberno central na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica, co cal, se seguísemos na situación actual calquera aprobación ou autorización deste proxecto estaría condicionada á obtención por parte do promotor do permiso de acceso e conexión”, explicou.
“O proxecto non é viable coa situación que ten actualmente a rede de transporte”, subliñou, para sinalar que “está absolutamente en mans do Goberno central, en concreto, do Ministerio de Transición Ecolóxica que tutela a Redeia, a rede de transporte eléctrico nacional, decidir se inviste na subestación que daría interconexión eléctrica ao proxecto ou non”, concluíu.