A primeiras horas deste venres 14 de marzo terá lugar unha eclipse total de Lúa da que en Galicia deberían poder verse as primeiras fases, segundo advirte o coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.
As eclipses de Lúa prodúcense necesariamente en Lúa chea cando a Terra se interpón entre o Sol e o noso satélite natural. Hai dous conos que neste proceso xogan un papel fundamental: as tanxentes exteriores aos discos do Sol e a Terra que forman o cono de sombra, e as tanxentes interiores a ambos os dous discos que xeran o chamado cono de penumbra que, ao contrario que o anterior, se vai abrindo.
Unha eclipse total de Lúa comeza coa súa inmersión no cono de penumbra, “unha fase que pasa case desapercibida dado que o satélite segue a verse enteiro aínda que lle chega menos luz do Sol”, explica Docobo. Posteriormente, a Lúa comeza a entrar no cono de sombra, iniciándose a eclipse parcial que dura ata que finalmente entra completamente nese cono, momento no que a Lúa está eclipsada. Xa seguindo un proceso inverso, o satélite vai saíndo sucesivamente dos conos.
Durante a eclipse total, ningunha luz solar debería chegar ao noso satélite, porén os raios tanxentes á Terra penetran na atmosfera e son desviados por refracción “chegando a iluminar suavemente a Lúa cunha tonalidade vermella, aínda que as veces se mostra máis ben castaña”, matiza o profesor da USC.
Podería verse a fase parcial
De maneira secuencial, o primeiro contacto coa penumbra será ás 04:59 e o primeiro coa sombra ás 06:11 horas. O inicio da totalidade será ás 07:27 e o máximo da eclipse ás 7: 59. O fin da totalidade está marcado para as 08:32 horas e o último contacto coa sombra ás 09:48 e coa penumbra ás 10:59.
Tal e como explica Docobo, “tendo en conta que o Sol sairá as 07:47 (en Compostela) e que antes xusto antes haberá media hora aproximada de crepúsculo, no caso de que as condicións meteorolóxicas sexan favorables poderá seguirse a fase parcial e con máis dificultade o comezo da fase total”. Advirte ademais que para seguir as eclipses lunares non é necesaria protección ocular.
Eclipse de Sol
Tamén neste mes, e xa na primavera -que comezará o día 20 ás 10.00 horas-, terá lugar unha eclipse parcial de Sol na maña do día 29 e que será a primeira dunha serie de eclipses solares visibles en toda España nos vindeiros anos. Entre eles destaca o do 12 de agosto de 2026 que será total no norte e leste de Galicia.