Asistir ás vítimas, frear todo tipo de agresións sexuais e formar e concienciar á cidadanía son algúns dos obxectivos do Punto Violeta Virtual presentado onte polo Concello de Ponteareas coa asistencia da Garda Civil, Policía Local, responsables do Centro de Información á Muller de Ponteareas, o axente de igualdade que deseñou os contidos, responsables de locais de lecer nocturno e directivas de asociacións e comunidades de montes.
O Concello de Ponteareas aposta por un servizo online activo os 365 días do ano as 24 horas, un recurso ao que acceder a través da páxina web do Concello ou dun código QR presente en pegatinas e cartelería que o Concello distribuíu por establecementos e lugares públicos de alta afluencia tanto no centro urbano como nas parroquias.
Todos os participantes afondaron onte no coñecemento deste recurso que ademais de ofrecer teléfonos de emerxencia e apoio tamén guía sobre como actuar tanto se es vítima como testemuña. E para implicar a toda a poboación a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, e o concelleiro de Ensino, Ricardo González, visitarán os centros educativos para traballar dende a escola e que o maior número de alumnado e profesorado coñeza e manexe este recurso. Tamén se organizarán sesións nas parroquias e con todos os colectivos que o soliciten.
Neste senso, o tenente xefe do Posto Principal de Ponteareas, Santiago Rodríguez, e Garda Civil do Equipo VioGen da Compañía de Tui, Carlos Tajes, que leva os casos de Ponteareas, adiantaron que o 21,7% das vítimas teñen denunciado e que existe preto dun 80% de violencia sumerxida que non se denuncia. Por este motivo é fundamental informar ás autoridades das sospeitas. “Cando temos evidencias claras de que se produce violencia nunha relación debemos informar, non nos estamos metendo na vida das persoas, estamos atallando un problema e contribuíndo a axudar”.
O Punto Violeta Virtual identifica e explica conceptos indispensables como o consentimento, as condutas constitutivas de agresión sexual, que se identifica como agresión sexual a través dos medios dixitais, a tolerancia 0 frente a violencia sexual, o sexting, a sextorsión, a ciberviolencia na parella, o grooming, a bofetada feliz ou a sumisión química, entre outros termos e condutas violentas, algunhas delas normalizadas e instauradas na sociedade.
No Punto Violeta Virtual atoparemos informacións sobre o 016 para denunciar calquera tipo de violencia machista que non deixa rastro na factura; o 90040027, teléfono da muller en Galicia que é un servizo gratuíto que funciona as 24 horas do día; a aplicación gratuíta Alercorps que conecta coa Policía Nacional e Garda Civil; o CIM de Ponteareas que atende de xeito personalizado e ofrece asesoramento xurídico e atención psicolóxica ou o centro de crise destinado a mulleres maiores de 15 anos.
“Non é a túa culpa, esa é a mensaxe clara que todas as persoas participantes quixeron deixar claro e por iso todos debemos estar ben informados porque existen moitos recursos e programas de intervención”, recalcou Raquel Plana.
Perder o medo á denuncia tamén foi outro dos puntos nos que se insistíu ademais de salientar o respecto que se debe sentir polas vítimas “porque non é unha situación elixida e porque sofren procesos emocionais duros nos que expoñen a súa intimidade”.
A alcaldesa, Nava Castro, agradeceu a presencia e implicación de todos os presentes e adiantou que seguirán a traballar nesta liña e que como Concello estarán abertos a escoitar melloras e suxestións “porque isto é cousa de todas e de todos, porque debemos desterrar que a responsabilidade é das mulleres non só se falamos de violencia, tamén de coidados e de cargas familiares. A igualdade ten que ir en todas as direccións e facetas da vida”.
No salón de plenos presentarónse onte os contidos do Punto Violeta Virtual que estarán sempre vivos e activos nutríndose de novos recursos e optimizando a navegación para que resulte o máis áxil e doada posible