O Concello do Porriño vén de presentar un novo proxecto co obxectivo de mitigar os efectos adversos do cambio climático e favorecer a adaptación da cidadanía aos novos escenarios ambientais. Son dúas as actuacións contempladas consistentes na adecuación de dous espazos públicos urbanos en zonas verdes con sombra, una delas na Avenida de Galicia e outra na rúa Ramón González, que abrangue a zona peonil do centro da vila.
Para elo instalaríanse un total de 16 grandes xardineiras equipadas con árbores autóctonas de gran porte entre as que se inclúen oliveiras de máis de 30 anos de antigüidade e outras especies vexetais como calibrachoa, salvias de tipo rosmarinus -romero rasteiro- e juníperos horizontais con fins ornamentais e de mellora ambiental, proporcionando sombra para mitigar o efecto illa de calor urbana.
“A creación de infraestruturas verdes como as que proxectamos non só melloran a calidade ambiental, senón que favorecen a conexión e a continuidade dos espazos, creando unha rede que impulsa a mobilidade sostible e a interacción social. Ademais, a dispoñibilidade de zonas verdes e elementos de sombra contribúe á regulación térmica, á mellora da calidade do aire, á redución da contaminación acústica e á xeración dunha contorna máis habitable”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.
Na rúa Ramón González instalaríanse unha decena de xardineiras de tres tipoloxías: tres de forma circular, de 2 metros de diámetro e 60 centímetros de altura; catro de forma elíptica, con eixes de 4 e 2 metros e altura de 70 cm, elaboradas en granito Rosa Porriño; todas elas terán integrados en todo o seu perímetro bancos para poder desfrutar da sombra das plantacións que nelas se leve a cabo; e outras tres grandes xardineiras con paredes curvas, de medidas exteriores 1,5 por 1,5 metros e altura de 1,60 metros. O custe desta actuación ascende a 128.214,83 euros.
De igual maneira, levarase a cabo unha intervención completa na Avenida de Galicia coa instalación de dúas xardineiras con medidas de 14,70 x 2,60 x 0,90 metros e outras catro de 10,40 x 2,20 x 0,90 metros, elaboradas tamén en granito Rosa Porriño e con bancos integrados. O orzamento deste proxecto é de 127.470,86 euros.
Ámbalas dúas sendas verdes quedarán interconectadas no Parque do Cristo, mellorando non só a conectividade ecolóxica entre diferentes espazos naturais urbanos, senón que tamén incentivará a mobilidade peonil e o uso do transporte non motorizado, reducindo a pegada de carbono na zona.
Para a posta en marcha destas obras, o Concello do Porriño vén de solicitar unha subvención dentro do programa Galicia Refuxio Climático para sufragar o seu custo.
“A execución destes proxectos terá, sen dúbida, un impacto moi significativo no medio ambiente e na calidade de vida da veciñanza”, subliña a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Antía Carrera.