A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o Consello da Xunta do vindeiro luns aprobará definitivamente o Plan director da automoción, con axudas de 234 M€ dos cales 75 M€ son apoios directos de fondos propios da Xunta para todas as empresas que conforman a cadea de valor deste sector en Galicia.
Lorenzana participou esta tarde na inauguración do XXXIV Salón do Automóbil Vigo 2025, onde sinalou que a automoción representa un 15 % do emprego industrial da Comunidade e reiterou a compromiso da Xunta con esta industria.
Ao respecto, lembrou que o Goberno galego leva tempo demandando no seo da Comisión Europea medidas de flexibilización como as que recolle o novo plan europeo da automoción aprobado a pasada semana, que a Xunta apoia, dixo, pero que debe implantarse “de xeito áxil, que é o que necesita agora mesmo todo o sector”.
Neste eido, proseguiu, “a Xunta defende unha transición xusta que teña en conta os empregos, a formación das persoas, a transformación que teñen que facer as industrias” pero, tamén, aos consumidores finais, dixo como marco á celebración deste salón, a cuxos organizadores felicitou “porque foron quen de sumar e de facer máis grande esta feira” que exhibe “o que representa Vigo e Galicia en materia de automoción”, concluíu.