O director xeral de Comercio, Gabriel Alén, salientou hoxe en Ponteareas a importancia de traballar en colaboración co tecido comercial “sendo as mesas locais de comercio unha ferramenta indispensable” e fíxoo, precisamente, no transcurso da última mesa local do sector convocada polo Concello de Ponteareas e na que tamén participou a alcaldesa, Nava Castro, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, así como as directivas do Centro Comercial Aberto Banastra e a Asociación de Comerciantes Tea. “O Concello de Ponteareas é dos poucos concellos que convoca estes encontros que son fundamentais para deseñar accións de promoción a medida e ben planificadas”.
Co obxectivo de dinamizar o comercio local e da súa posta en valor director xeral, alcaldesa e concelleiro escoitaron as propostas das asociacións e avaliaron as posibles accións que potencien aos establecemetos da vila e que os fagan máis atractivos para o consumidor.
“O comercio local de Ponteareas ten de todo, ampla oferta, calidade e boa atención. Por iso queremos achegalos aos veciños e veciñas e ao mesmo tempo premiar a aquelas persoas que confían no trato directo e persoal do pequeno comercio”, sinalou a alcaldesa.
Asociacións locais e concellería xa traballan xuntas ao longo do ano na posta en marcha de campañas especiais como as de Nadal ou San Valentín ou a celebración de eventos de hostalaría como o Saborotea ou o Pinchotea con sorteos e accións que premien ao consumidor. Recentemente o Concello presentaba a aplicación de comercio Mercatea, un novo recurso no que atopar toda a información sobre os establecementos comerciais e hostaleiros da vila e tamén sobre as campañas lanzadas dende o Concello hacia a cidadanía.