miércoles, marzo 12, 2025
InicioNewsActualidadeChega o TapeaPoio 2025 con máis días, máis establecementos, maiores premios e...

Chega o TapeaPoio 2025 con máis días, máis establecementos, maiores premios e un xurado experto

A segunda edición do certame gastronómico TapeaPoio terá lugar en maio deste ano con máis días, máis establecementos participantes, maiores premios para clientes e hostaleiros, e premios outorgados por un xurado experto, que se unirán ao votado polo público. Son algunhas das principais novidades que adiantou este luns a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, durante unha reunión con empresarios da hostalaría do municipio que serviu para analizar a situación do sector, escoitar as demandas e necesidades dos profesionais, e estudar as propostas e liñas de actuación do Goberno local para este ano.

Durante o encontro, que tivo lugar no Casal de Ferreirós, Cochón destacou a “extraordinaria acollida” que tivo o certame de tapas organizado polo Concello de Poio en 2024, celebrado en outubro con once establecementos adheridos e 6.000 euros en premios para os restauradores e o público participante: “Familias enteiras, persoas que quedaban para facer ‘rutas’ polos establecementos participantes…”. A edil indicou que este ano vanse implementar “as suxestións e ideas aportadas polos propios hostaleiros”, como a ampliación das datas ou a incorporación dun xurado composto por profesionais da restauración para recoñecer a mellor tapa, ademais do premio outorgado polo público.

A maiores, os establecementos poderán concorrer en dúas modalidades, tapa tradicional ou creativa, e o público terá novas posibilidades de depositar o seu voto. “En 2024 o certame tivo unha resposta impresionante, tanto por parte do sector como dos propios veciños e visitantes que degustaron cada tapa”, indicou Cochón. “Cumprimos con creces obxectivos como o de reivindicar a calidade e diversidade da nosa oferta gastronómica e o de dinamizar a hostalería fóra da tempada alta, e en 2025 imos seguir por ese camiño aínda con máis forza”.

Cochón incidiu ademais na importancia de poñer en valor a restauración poiense, xa que “desde hai moitísimo tempo somos o gran referente gastronómico das Rías Baixas, por non dicir de Galicia.” Por iso, anunciou que o acto de entrega de premios, previsto para principios de xuño, “será unha auténtica Gala da Gastronomía de Poio”, aínda máis do que xa foi en 2024: “Unha verdadeira festa para vós, os hostaleiros e hostaleiras que continuades unha tradición e un nivel dos que poden presumir moi poucos concellos”.

A edil agradeceu a disposición de practicamente todos os hostaleiros presentes a participar na segunda edición do certame, o que unido aos moitos que xa confirmaron o seu interese, permite afirmar que en TapeaPoio 2025 os clientes van ter “aínda moito máis onde elixir”, e recordou que xa se está a falar con empresas “para que ese esforzo e o interese dos comensais se vexa aínda mellor recompensado”.

Durante os próximos días, persoal da Concellería de Turismo contactará cos establecementos para concretar a participación e recoller suxestións e dúbidas. Calquera interesado tamén pode escribir a turismo@concellopoio.gal ou no teléfono do departamento: 986 83 32 04

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS